Menu Xerais

Catorce relatos inquietantes que mostran un mundo sórdido: «Un conto siciliano e outras historias», de Estro Montaña. Crítica de Antonio García Teijeiro en «Versos e aloumiños»

Antonio García Teijeiro publicou no seu blog Versos e Aloumiños unha anotación sobre o libro: Un conto siciliano e outras historias, de Estro Montaña, publicado por Xerais na colección Narrativa.

 

«Un conto siciliano e outras historias», de Estro Montaña

 

Ao lector non lle gusta demasiado a sociedade na que vive – e da que el forma parte -, pero despois de ler Un conto siciliano e outras historias, de Estro Montaña, aínda lle gusta menos.
Tras gozar destes relatos inquietantes que mostran un mundo sórdido, cheo de persoas mesquiñas cun enorme poder, o lector permaneceu cos ollos pousados no teito do seu cuarto ensimesmado.
Deixouse levar polas canles do desacougo que os relatos contiñan e, non por sabido, rexeitou ese negro mundo que a literatura valente nos presenta.
Ao longo da lectura destes catorce relatos, o lector pasou por diversos estados de ánimo: da inquietude ao acougo, da dor á incerteza, da afouteza ao sometemento (literario, enténdase), da intriga a unha certa coherencia ética, normalmente derrotada.
Si, porque este é un relato de perdedores, de antiheroes. De mulleres que sofren a terrible maquinaria da violencia nas súas múltiples caras. Porque a moitos destes personaxes – homes e mulleres – lles custa moito respirar.Están fuxindo constantemente de enormes lousas que os/as asedian día a día. Viven en completa indefensión e son vítimas do destino.
     O lector non pode menos que aguantar a respiración perante eses exercicios despóticos de poder, de represión, de saldar contas, de fuxir do medo, de recuperar a liberdade individual coma seres humanos.
     Estro Montaña mergúllase neses espazos escuros da sociedade que están aí, todos o sabemos, para erguer cun nidio compromiso ético a súa voz e deixar un ronsel de sentimentos que se fan reais e íntimos pola axilidade e por unha voz literaria sen artificios, disposta a facer literatura sen límites.
     O lector, cando remata o libro, faise consciente desa viaxe que o autor lle propuxo a través duns contos que penetran ben fondo na súa pel e que non só non o deixan indiferente senón que o removeron por dentro experimentando as sensacións máis punxentes.
     De novo, pensa o lector, a literatura asume a vida como obxectivo fundamental. Triste e feliz, a un tempo, o lector pecha os ollos e afasta do seu lado certas fauces destrutivas dese animal chamado mundo. Pero a súa felicidade só vén dada pola lectura da boa literatura.
Polo demais… uffff!

Comentarios pechados