Menu Xerais

Cecilia F. Santomé: «Con este libro quería transmitir que a realidade non é única, que todo depende de quen a esté a analizar» Entrevista na revista cultural «Inorantes» sobre «Quérote. Eu tampouco»

 

A revista cultural de Galicia Inorantes publicou unha entrevista de Ana González Liste á escritora Cecilia F. Santomé sobre o libro: Quérote. Eu tampouco, publicado por Xerais na colección Narrativa (Imaxe: Inorantes).

 

CECILIA F. SANTOMÉ:

“Penso moito en min mesma como receptora dos meus textos. Nadie ten o listón máis alto ca min”

Moitas (e moitos) saberedes o que é facer malabarismos entre o que dá de comer e o que te alimenta realmente por dentro. Isto sucédelle a Cecilia F. Santomé (San Simón, Vilalba. 1984), que atopou o equilibrio para escribir a súa primeira novela no seu regreso a Galicia despois dun tempo traballando no Reino Unido. Quérote. Eu tampouco (Edicións Xerais) é a materialización desas notas (ás veces urxentes) que levaban tempo nos seus cadernos e no seu móbil. 
O libro expón a cara máis tremebunda das relacións amorosas. “Todo está construído para que a historia entre eles sexa perfecta pero o seu mundo interior impide ese nivel de perfección. Eles teñen os seus demos persoais, sobre todo el que é escuro e manifesta distintas caras. Ela ten problemas de inseguridade e arrastra o desafecto do pai. Non vía posible facer unha historia de amor estereotipada. Quería explorar todas esas cousas que, a pesar de que a tendencia nos diga que todo irá ben, boicotean esa felicidade”, resume Cecilia.
Quérote. Eu tampouco é un título paradóxico e suxerente á vez. Cecilia sabía que un bo título era importante para a súa primeira novela, por iso buscou algo que chamara a atención. “No proceso de búsqueda, que foi bastante longo, barallei opcións máis usuais como Grace medrando ou Grace e a vida; pero parecíame que non reflectían ben a esencia da novela. Centrarme soamente nun dos personaxes parecíame simplista e apetecíame deixar algo de misterio… que non fose tan evidente que era unha historia sobre x e z. Quería xogar con ese factor sorpresa”, explica.

Neste punto foi cando Cecilia atopouse coa mítica canción, Je t’aime, moi non plus, que Serge Gainsbourg interpretou con Jane Birkin. “Todos a vemos como se fose o máis do máis en termos de erotismo e sensualidade e despois cando afondas nela daste conta de que nin é delicada, nin é especialmente atraente. Entón quería xogar con eses dous planos tamén porque forman parte da esencia da novela”, razoa.

“Podemos pensar que a novela é unha clásica historia de amor na que unha rapaza cun pasado difícil se atopa cun rapaz que tamén vén dunha traxectoria vital un tanto delicada e que desa conxunción de desesperación nace unha historia de amor marabillosa, e que todo e felicidade e un futuro esperanzador”, avanza Cecilia, “pero non é así”.

Desa ilusión argumental sae tamén a escolla do título. A estas alturas xa sabemos que Quérote. Eu tampouco fala do amor, como é practicamente inevitable que falen todas as historias. Grace e Frank son os dous piares da novela de Cecilia, ambientada nun Londres de ceos anubrados e pisos compartidos.

“A pesar de que o peso da trama recae en Grace e Frank, sen personaxes como Pétula hai moitas cousas que non terían sentido na historia. Son eses outros personaxes os que enchen de contido e enriquecen a novela: matizan, explican e ás veces mesmo contradín aos protagonistas. Interesábame explorar esa riqueza de voces, facer unha novela polifónica”, destaca.

“Quería transmitir así que a realidade non é única, que ten moitas arestas e que todo depende de quen a esté a analizar. Quería compoñer un retrato deles dous pero a través de moitos ollos e moitas voces distintas”. Este foi o grande desafío estilístico de Cecilia á hora de abordar a novela. “Hai un fío de Pétula a María, que non é moi doado de descubrir pero hai unha conexión entre elas que é como a pechadura desde círculo de voces arredor do que se constrúe a novela”, apunta sen facer spoilers.

“Frank é o artífice da súa propia desgraza e Grace non é capaz de dirixir esa relación por onde ela quere”, afirma Cecilia. Os dous, máis noventeros que millennials, lévanse ao extremo. Son representantes dunha xeración desesperanzada, así os construíu a autora, que pensa que o público adultescente (etiqueta anglosaxona) poderá identificarse facilmente con eles. “Son adultos, pero non teñen as condicións para vivir como tal”, sinala.

“Penso moito en min mesma como receptora dos meus textos. Nadie ten o listón máis alto ca min”, explica a autora, que por outro lado confesa que nada da personalidade da protagonista reproduce a dela. “Tampouco Frank é a miña versión masculina. Pero si que tiven a ocasión de coñecer a xente que se parecía a eles. Collendo dun lado e doutro, facendo unha especie de Frankenstein, saíron Grace e Frank”, di. Iso si, a historia reproduce unha sociedade -a británica- que coñeceu dende dentro e sobre a que non tivo que inventar nada. Por iso considera que quen coñeza aos británicos poderá encaixar moi ben na realidade aos protagonistas.

E aínda que o final do libro queda completamente aberto, Cecilia confesounos durante a conversa que non se ve facendo unha continuación; tampouco unha especie de spin-off a partir dos personaxes secundarios. Os tempos de creación e os de publicación levan ritmos moi distintos. Ela rematou o manuscrito no 2017 e a novela viu a luz case dous anos despois. Con todo, tivo sorte.

Neste tempo xa rematou unha novela curta na que “a experiencia vai por outro lado completamente distinto” e evolucionou tamén como escritora. “Durante o proceso de corrección do manuscrito sorprendíame a min mesma porque había partes que directamente non lembraba exactamente. Sentíame como unha lectora máis, foi estraño e emocionante ao mesmo tempo. Notei moito a distancia respecto á historia”, describe.

“Apetéceme explorar outros camiños”, conta Cecilia, que está a piques de sentarse a escribir outra novela que aínda non sabemos cara onde a levará.

 

Comentarios pechados