Menu Xerais

«Cita en Fisterra», de Luís Rei Núñez, libro delicioso. Artigo de opinión de Jaureguizar

Jaureguizar publicou en El Progreso un artigo de opinión sobre Cita en Fisterra, de Luís Rei Núñez.

 

Fisterra para andar en casa

Bruce Chatwin tiña por amuleto un anaco de pel parda e reseca coma a pantalla dun cine abandonado. Recibiuno dunha avoa á que lle chegou en agasallo de voda nunha caixiña de pílulas. Pertencera a un antergo de ambos os dous, fillo dun pastor evanxélico. O rapaz rodou no circuíto da reprensión moral ata que un día aburriuse e marchou dar unha volta polo mundo. Finou nun naufraxio na Patagonia. Chatwin herdou o espírito e máis a reliquia atea e viaxeira. Luís Rei Núñez fai uns preciosos libros que anglofalantes e pedantes chaman de non ficción –lembro con ledicia ‘O señor Lugrís e a negra sombra’ (Xerais)–. Para o último,‘Cita en Fisterra’, andou polos ámbitos que os nórdicos din Fins Stern (Estrela Escura). Resulta de- licioso e divertido ler os sete días que botou ao longo dos camiños que desembocan no mar. Ás veces encerállase nos campos de batallas das nosas vindeiras derrotas –ecoloxía e idioma–, pero non lle sobra unha liña. Fascinoume o encontro en Corcubión con Álvaro de la Vega, o escultor térreo. Álvaro bota en falla as estacións do ano, ese calendario policromado que nunca se mira nas pantallas de plasma. Advirte o artista de que a necesidade de experimentar as mudanzas climáticas vai tomando corpo «e non descarto volver a Paradela». Sebald, que publicou libros de percorrer a liña do horizonte coma o de Rei Núñez, conta en ‘Camposanto’ (Galaxia) a perenne morriña da viaxe que pousou no ánimo infantil de Napoleón pola fuxida que houberon de facer os pais: eran nacionalistas corsos que andaban escapándolle ao invasor francés. Como tamén gustaba de estar na casa acabou conquistando Europa.

Jaureguizar

Comentarios pechados