Menu Xerais

Contra o conformismo: «Cara ao leste» de Antía Nara. Anotación en Brétemas

Manuel Bragado, director de Xerais, publicou en Brétemas unha anotación sobre a novela Cara ao leste, de Antía Nara.

 

«Cara ao leste» de Antía Nara

Volvín sobre Cara ao leste de Antía Nara, que chega estes días ás librarías. Unha novela que aventuro será unha das sorpresas da tempada, confirmando a esta investigadora residente en Berlín, que debutara con Aquel lugar (Xerais, 2007), como unha das nosas narradoras máis orixinais. Ao longo da xornada do velorio da tía Isolina coinciden a súa sobriña, emigrada en Alemaña, e tres compañeiras coas que montara unha coperativa agraria na aldea de al-Luaria. Un reencontro no que reflexionan  sobre o seu devir desque se separaron tras un incendio ocorrido hai 19 anos. Catro mulleres que ollan cara un pasado cheo de medos, violencias e fuxidas. A pesar de que todas creran acadar unha certa paz co mundo, terán a oportunidade de pechar feridas que permaneceran abertas. Unha novela contra o conformismo, na que se propón a procura de horizontes novos («cara ao leste, cara ao oeste, cara ao sur, cara ao norte»). Escrita con prosa elegante e precisa, esta peza breve e intensa facilita unha lectura engaiolante. Recoméndoa.

Manuel Bragado

Comentarios pechados