Menu Xerais

Cornelia Funke presentou «Reckless», que xa está nas librarías e tamén será levada ao cine

O último libro de Cornelia Funke xa está nas librarías. Con el, o pasado martes Xerais incorporouse por primeira vez a un lanzamento internacional dese tipo, incluíndo a tradución ao galego (autoría de María Xesús Bello) entre as linguas que participaban no evento. A presentación de Reckless. Carne de pedra tivo lugar en Nova York e foi retransmitida en directo por vídeo a través da páxina de fans da autora. Durante o acto, Cornelia Funke, que saíu ao escenario vestida ao chamativo xeito Therese von Austrien, leu fragmentos do seu libro, dando a coñecer os personaxes, os irmáns Jacob e Will Reckless.

No acto particparon a escritora alemana, o director e produtor de cine Lionel Wigram, así como o actor británico Elliot Hill, que ofreceron unha lectura dramatizada dunha parte da novela. Ademais, tamén houbo unha actuación do músico norteamericano Adam Watts.

A novela está inspirada nos contos de fadas dos irmáns Grimm, e conta as aventuras de dous personaxes que cometen o erro de cruzar o espello e descobren un mundo no que os contos máis tenebrosos se fan realidade, incluso o dunha fada que sementa carne de pedra. Un terrible maleficio converte a carne humana en pedra e Jacob, o irmán maior, terá que enfrontarse a numerosos perigos para lograr salvar a vida do seu irmán pequeno Will.

Reckless. Carne de pedra será levada ao cine polo produtor e director Lionel Wigram, como xa fixo con Harry Potter e Sherlock Holmes. A noticia recóllea o xornal Galicia Hoxe nas súas páxinas de cultura:

«Reunímonos cada día durante moitos meses para falar dos nosos personaxes e os lugares ós que queriamos levalos. Loitamos por atopar o camiño idóneo a través do labirinto desta historia e fixemos que cada un visitase lugares ós que xamais fósemos sós. Logo diso, senteime a escribir”, detallou Funke. Na primeira das novelas froito desa colaboración os irmáns Jacob e Will Reckless entran no mundo máxico que se oculta tras o espello do despacho do seu pai».

Comentarios pechados