Menu Xerais

Crítica de Ánxela Gracián sobre «O meu gato é un poeta», de Fran Alonso, en Protexta

Ánxela Gracián publicou en Protexta unha recensión crítica de O meu gato é un poeta, de Fran Alonso, libro do que estes días sae á luz a 2ª edición.

Aloumiño de esperanza
Versos que convidan ás crianzas a enredar e gozar con novas formas de dicir poético

Nova achega poética do polifacético escritor vigués que supón a maduración dunha voz tan orixinal coma a súa no difícil xénero da boa poesía infantil, esa que foxe dos ripios e do estilo moralizante ou mexeriqueiro e aposta pola imaxinación e os intelixentes xogos de palabras e imaxes, convidando aos máis novos a rir e a xogar.
O meu gato é un poeta está formado por pequenas creacións que mianan laios contra a poesía grandilocuente e vacua ou o egoísmo, violencia e agresividade dun mundo sen poesía, e rosma alouminos de esperanza ante a posibilidade dun mundo máis xusto se está habitado pola poesía cuxo poder, sempre invisible e pouco efectivo, é tan necesario como indispensable.

O libro, igual que outro dos seus poemarios anteriores (referímonos ao xuvenil Cidades, sen dúbida un dos mellores libros de poemas para rapaces que se tenen publicado en Galicia, premio Ranolas ao mellor libro infantil e xuvenil do ano en 1997 e accésit do Premio Lazarillo), é o resultado dunha viaxe á infancia, para reencontrar o neno que aflora no home que hoxe é Fran Alonso. Ese viaxeiro marcado pola experiencia de aprehender o outro, deixando constancia en ambos os libros da derrota saudosa daquel eu que, en Cidades, se perdeu en “territorios de mar, con cheiro a sal” e que agora se transmuta en doméstico felino que desautomatiza o sentido primario das palabras para dar conta da necesidade da palabra estética ao servizo dos máis novos.

A obra caracterízase pola combinación intelixente de humor e ludismo cunha proposta minimalista onde o verbal e o icónico converxen nunha forma de síntese. Poesía para ser vista e recitada, reinterpretada e xogada, reinventada e recreada, xa que todos os elementos tenen esa función, véxase a tipografía, a organización da cor, a disposición dos espazos, o estrato fonético, sinéstico, sonoro e rítmico, recursos todos tomados da linguaxe publicitaria así como as recorrencias, a utilización da arquitectura das grafías ou a creación de palíndromos e caligramas, que acusan influencias do surrealismo, do simbolismo e dun certo dadaísmo naïf, moi axeitados para este tramo de idade, porque salientan a palabra como un valor eminentemente plástico, afastado do poder semántico que sempre se lle atribúe, sendo neste rexistro experimental onde o poeta atopa a súa verdadeira posición ética.

A pesar da aparente naturalidade dos versos, hai un esmerado e difícil traballo de precisión deste complexo sistema semiótico que xera significados superpostos, partindo de imaxes e metáforas que se desvisten da súa roupaxe retórica para indagar os límites da linguaxe e da imaxinación renovando deste xeito o canon da boa poesía para nenos. Son, sen dúbida, novas formas de dicir poético que implican a participación activa do receptor con ocos textuais que este debe encher. O libro complétase con enlaces web de ciberpoesía ou poesía electrónica con recursos paratextuais que enriquecen esta proposta de poesía en liberdade que agroma directamente do corazón dun gato sentimental e doméstico que invoca cos seus versos a difícil arte do xogo infantil.

Ánxela Gracián

Comentarios pechados