Menu Xerais

Crítica de Anxos García Fonte sobre «Randea do alento», de Herta Müller

Anxos García Fonte publica en LG3, o portal literario do Consello da Cultura Galega unha recensión crítica sobre a novela Randea do alento, da Premio Nobel alemana Herta Müller, que reproducimos integramente:

Furgar na memoria cura as feridas

Herta Müller, coas fermosas palabras do poeta Oskar Pastior, cos seus recordos e cos doutras testemuñas devólvenos unha parte da historia de Europa, da ferocidade do século XX, no que a inocente palabra Campo, se converte en símbolo do horror. Primeira tradución nas linguas do Estado da última obra da Premio Nobel de Literatura, Herta Müller é o resultado dunha dolorosa travesía polas lembranzas da minoría alemá instalada en Romanía en tempos do Imperio Austríaco, obxecto de represalias polas súas simpatías co derrotado réxime nazi.

A tradución galega da última novela da Premio Nobel Herta Müller (Atemschaukel, 2009), a primeira feita nas linguas do estado, é o resultado dunha dolorosa travesía polas lembranzas da minoría alemá instalada en Romanía en tempos do Imperio Austríaco, obxecto de represalias polas súas simpatías co derrotado réxime nazi. Con este libro, polo tanto, regresamos aos últimos anos da II Guerra Mundial e os primeiros da posguerra en Romanía e coñecemos, grazas ao narrador protagonista, a exaltación guerreira, o culto á raza aria, as vitorias militares e o espellismo da conversión do Terceiro Reich nun novo imperio mundial para rematar no fracaso do proxecto e a consecuente caída en desgraza e deportación dos alemáns romaneses, acusados de colaboración co goberno fascista de Antonescu, a campos de traballo na Ucraína.

A implicación no programa político e bélico dos nazis convértese axiña nun feito vergoñento, unha especie de maldición que recae sobre toda a comunidade alemá romanesa e o paso polos campos de traballo nun tema tabú que leva asociado á vez a dor do sufrimento e o sentimento de culpa polo sufrimento alleo. A memoria deste trauma é inhibida, mais non totalmente eliminada, como lembra Herta Müller, para quen sempre estivo presente na súa infancia e adolescencia nas conversas familiares dun xeito apagado, nunca tratado abertamente. É este abismo entre os retallos do que se conta, que pouco a pouco se van relacionando, e a dor que se intúe detrás o que impulsa a Herta Müller a recoller testemuños de persoas coñecidas e recompoñer o gran relato da memoria desa experiencia colectiva. Un dos testemuños máis valiosos, e cerne desta novela, é o de Oskar Pastior, o poeta romanés tamén de minoría alemá con quen ía escribir unha novela a medias sobre os campos de traballo ucraínos, pero que, a causa da súa morte de repente en 2006, só lle puido deixar “catro cadernos de notas escritos a man e o borrador dun texto para uns capítulos”.

O protagonista é Leo Auberg un rapaz de dezasete anos que narra a súa experiencia de frío, fame e ferocidade durante os cinco anos que durou o seu cativerio nun campo de traballo da Ucraína, un tránsito que o marcará para sempre e o alleará dos demais, ata o punto de ocultarlle o seu paso polo campo á súa esposa e ser incapaz de falar cos veciños que estiveron con el naquel inferno. Leo Auberg sobrevive porque entra axiña na lóxica do campo, un espazo e un tempo onde as lembranzas non poden permitirse ser morriña e onde chega á conclusión de que ten que aferrarse ao inmediato porque “para ter sorte cómpre unha meta, aínda que só sexa a neve enriba do poste do valado” (p. 253). Por iso e porque a súa avoa lle dá no momento de irse unha mensaxe que vale por unha pasaxe de volta –“Ti vas volver, eu ben cho sei”– Leo consegue manterse con vida.

Herta Müller logra unha narración intensa, dunha beleza que doe, como doe o frío e a fame, como doe a humanidade ferida que se aferra á esperanza. U-la esperanza nun campo de traballos forzados dirixido e vixiado por un poder totalitario? É realmente difícil de ver, pero existe na minuciosa xustiza de Fenja, a encargada de repartir o pan, na velliña da aldea cercana que lle dá a Leo unha cunca de caldo e un pano branco, como unha ofrenda para que o seu propio fillo regrese dun campo de traballo de Siberia, nas codias de pan que se logran aforrar da mañá para a noite, o propiopán, e o agardan debaixo da almofada como unha promesa de supervivencia, no descubrimento da lei implacábel que esixe un movemento da pá cargada por cada gramo de pan entregado.

O día a día do campo de traballo cambia aos seus habitantes dunha maneira radical, empezando polo aspecto físico e rematando polo seu sistema de referentes simbólicos. O campo é un novo mundo que esixe aos seus habitantes desprenderse de todo canto aprenderon para adaptarse a outro marco material –o da escaseza– e simbólico –dominado polo Anxo da Fame–. Pouco a pouco as palabras de nova creación (palabras que nada significan fóra do campo como nada significan alí as palabras de fóra): pacorazón, propiopán e fazulapán… van substituíndo ás vellas palabras. No tempo da “pel pegada aos ósos” os seres humanos son obrigados polo totalitarismo a randearse desde os seus cimentos primixenios para sobrevivir, como o Anxo da Fame se randea co alento dos humanos, como as fráxiles e espidas ramas se randean perante o empuxe do vento. A linguaxe narrativa bota man de imaxes poéticas e busca plasticidade da propia lingua: a pacorazón, que lle rouba as forzas e lle asegura o sustento, é a señor amada do narrador; o propiopán non é pan, senón a disciplina que mantén o corpo vivo co mínimo e, do mesmo xeito, o fazulapán é tanto o calmante dos estados de ansiedade como a sospeita de que os calmantes non curan en realidade o mal. Esta linguaxe íntima, que vai medrando a medida que o narrador vai aprendendo e asumindo a lóxica do campo, alterna co alemán, que comparten os prisioneiros, e o ruso, que é a lingua dos carcereiros, das ordes que deben ser cumpridas de inmediato. Estamos diante dun traballo lingüístico que a tradución de Marga do Val logra transmitir, aínda que sexa, ás veces, por medio das numerosas notas a pé de páxina.

Randea do alento é unha novela da memoria, unha conta pendente da escritora co trauma dos seus antepasados, porque hai veces que unha escritora, ou un escritor, non pode escoller facilmente o que vai escribir, senón que ten que escribir do que sabe e o que sente, dando voz aos que foron enmudecidos pola morte e o medo, como unha obriga ineludíbel que debe ser saldada. Ademais dunha impresionante lección de historia e dunha grave reflexión ética, Randea do alento é tamén unha extraordinaria lección de literatura que sobrecolle co seu lirismo espido e a súa eficaz narración randeante, adiante e atrás, ata que o mundo que queda fóra dese movemento envolvente se vai sumindo na néboa da insignificancia.

Anxos García Fonte

Comentarios pechados