Menu Xerais

Crítica de Armando Requeixo sobre «(Retro)visor»

(Retro)visor,  de Antía Otero, un dos últimos títulos da colección Poesía de Xerais, é obxecto da valoración crítica por parte de Armando Requeixo no suplemento Faro da Cultura, de Faro de Vigo.

Olladas ao (Retro)visor
Poemas narrativos, fragmentos líricos

Coa sombra de Wenders pairando sobre deles, os textos de Antía Otero -un delicado equilibrio entre o briográfico e o ficcional; fragmentos líricos como fotogramas pasados a camara lenta- revisitan a infancia estradense da autora dende un presente citadino a procurar un complexo diálogo no que comprender o seu propio lugar no mundo. Estes versos, coa Primavera sombría de Unica Zürn ao fondo, enfían unha polifonía de extrema tensión, onde a autora, a nena que foi,a muller que é cruzan as súas voces sen solución de continuidade.
Otero mestura con acerto referencias cinematográficas e pictóricas con alusións literarias a autoras que lle son moi queridas (Silvia Plath, Sarah Kane…). De igual modo, os coloquialismos e os cultismos alternan nun estudado efecto pendular, que se ve complementado pola atención á memoria da infancia e tamén ao presente no que a poeta se amosa amante entregue.
Poesía eléctrica, xa que logo, que atrapa cun sintagma lostregante, sincopado, de disposición versal abrupta, escindindo a páxina en brancos fragmentarios que empanican a melancolía dunha poética líquida,fluentemente escénica.
“A oportunidade é (Retro)visor/ un mar grande que se conta pola boca”, como un deus bifronte no que se conxungan o mirar pretérito e a ollada futura, unha revolución ancorada na raíz minimalista das transgresións cotiás, das palabras que non dicimos e quedan penduradas no canto dos beizos,da luz cenital que revela que a man da poeta é unha intención e a mirada de quen ama un mandamento.

Armando Requeixo

Comentarios pechados