Menu Xerais

Crítica de Armando Requeixo sobre «Sonetos de Shakespeare», en versión de Ramón Gutiérrez Izquierdo

O crítico Armando Requeixo publicou nos xornais El Ideal Gallego, Diario de Ferrol, Diario de Arousa e Diario de Bergantiños unha recensión crítica sobre os Sonetos de Shakesperare , en versión de Ramón Gutiérrez Izquierdo.

Un Shakespeare galego

Aínda que por veces tentemos enganarnos con espellismos, o certo é que neste país de noso aínda hai moito que normalizar literariamente (e non só, xaora).

Un deses eidos nos que a cultura propia aparece máis desasistida é o da tradución á nosa lingua dos grandes clásicos (e modernos) universais. Podería enumerar unha listaxe, non pequena, de nomes maiores das letras de todos os tempos que aínda non é posible ler no idioma deste vello reino, pero non é do caso abouxar aquí o lector, nin tampouco pretendo alentar derrotismos, pois, malia todo, cómpre recoñecer que é moito o camiño que foi recuperándose nos últimos anos.

Porén, aínda non contabamos en galego cunha tradución dos famosísimos Shakespeare’s Sonnets e, sendo certo que se fixo esperar —¡catrocentos anos, nada menos!—, finalmente é posible ler os versos ingleses do xenio de Statford-upon-Avon grazas ao meritorio labor de Ramón Gutiérrez Izquierdo e o celo profesional de Edicións Xerais de Galicia.

Un traballo de anos, de esforzada dedicación e de desafío fronte a cada estrofa dan como resultado a presente versión dos cento cincuenta e catro sonetos, que se presenta acompañada dun informativo prólogo no que se sitúa perfectamente o contexto do xurdimento da obra e as diversas teorías da súa lectura en clave autobiográfica e, sobre todo, dun amplísimo capítulo final de notas e comentarios onde, ao longo de máis de catrocentas páxinas, se dá conta dos pormenores lingüísticos, literarios e históricos de todos e cada un dos poemas traducidos.

Non cabe máis, xa que logo, que recoñecer a importancia da tarefa de Gutiérrez Izquierdo, que sacrificou horas de sono “cantando sílabas e acentos” para ofrecernos esta tradución das poesías de Shakespeare.

Todo o anterior, non obstante, non debería ocultar o feito de que a proposta versionadora do profesor ourensán se presenta como ben afouta dende o momento no que decide transvasar os catorce versos de pentámetros iámbicos do orixinal inglés (grosso modo o noso hendecasílabo) por alexandrinos, para salvar o escolio do adoito monosilabismo da lingua de partida que, na nosa romance, precisa de máis texto.

Precisamente as consecuencias desa decisión —a de manter metro e rima— son as que volven a tradución de Gutiérrez Izquierdo máis opinable, pois a férrea disciplina de manter en cada verso catorce sílabas e facelas rimar alternamente (ou en monorrima no dístico final) obrigan o tradutor a un dificilísimo equilibro entre contido e forma que non sempre se resolve sen sacrificios.

Daquela, quen se achegue aos versos de Shakespeare a través da versión que deles ofrece Gutiérrez Izquierdo deberá saber que se tentou conservar, exquisitamente, a música toda que había no orixinal, pero a cambio perdéronse polo camiño, aquí e alá, adxectivos, adverbios, ilativos e outros elementos que si figuraban en inglés pero que o tradutor non foi quen de manter e, asemade, facer canxar co seu estrofismo impecable.

Afortunadamente, esta versión dos Sonetos de Shakespeare que publica Xerais é bilingüe, polo que, aqueles que se manexen mellor na lingua insular ou que simplemente teñan curiosidade por cotexar as solucións da tradución co seu referente inicial, han poder enfrontar uns versos con outros e tirar conclusións sobre a excelencia dos resultados.

Esplendidamente editados no material, estes Shakespeare’s Sonnets galegos son toda unha aventura tradutora, un triplo salto mortal versionador que moito hai que lle estimar a Ramón Gutiérrez Izquierdo, pioneiro ao que non ha resultar doado mellorar.

Comentarios pechados