Menu Xerais

Crítica de Armando Requeixo sobre «V Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico»

Armando Requeixo publica no seu blog unha recensión crítica sobre o V Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico, editado por Xerais e a Radio Galega Reproducímola integramente:

Teatro (ir)radiado

Paseniño, como todo o bo que se deixa ir indo, chega á quinta convocatoria publicada o Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico, organizado dende os micrófonos do programa homónimo da Radio Galega.

Desta volta, o volume que compila os textos do gañador e finalistas do certame —puntualmente tirado do prelo por Edicións Xerais, quen o edita acompañado dun cd coas versións radiofónicas emitidas— recolle catro pezas: “Paraísos” de Xosé Manuel Pacho Blanco, que foi distinguida co Premio do Xurado e mais co Premio da Audiencia a un tempo; “Como eliminar as manchas de vómito”, de Eva Freixeira Ferreira; “Carne de canón”, de Rebeca Montero Martínez e mais “Señora Carme”, de Manuel Román.

Dende experiencias estéticas e temáticas moi diversas, todas catro coinciden no poder subversivo do seu discurso, que alimenta a crítica a un mundo e unha sociedade que nos aliena, nos estupidiza e por veces mesmo nos fai virar tolos.

Por descontado, as modulacións deste plasma común son abondo irisadas e van dende a crítica política e laboral e mais a reflexión metaliteraria dos “Paraísos” de Pacho Blanco ata os universos de loucura e irrealidade dos textos de Freixeira Ferreira ou Manuel Román, pasando pola denuncia da hipocrisía social e a manipulación dos medios que aparece na obra de Montero Martínez.

Estimulantes, incómodas e lucidamente reflexivas, as apostas teatrais (ir)radiadas dende este V Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico son a mellor mostra de que a palabra, cando se aveluda aceiradamente, é daga donda que sabe ben ferir. Coidado ao ler, non vaia cortarse, que é moito o gume.

Armando Requeixo

Comentarios pechados