Menu Xerais

Crítica de Dolores Martínez Torres sobre «A Veiga é como un tempo distinto», de Eva Moreda

O Faro da Cultura, de Faro de Vigo, inclúe unha recensión crítica de Dolores Martínez Torres sobre A Veiga é como un tempo distinto, de Eva Moreda.

Correcta desde o punto de vista da forma, aínda que, se cadra, escasamente conmovedora, esta novela breve que hoxe comentamos, A Veiga é como un tempo distinto, –da autoría de Eva Moreda (AVeiga,1981) e a quen coñeciamos xa por títulos como O demo e o profundo mar azul (2003), Singularis Domitilla (2004) ou Organoloxía (2010)- vén presentar unha historia de emigrantes -de alleamento e identidade, de perdas e de cambios- ambientada na comunidade galega do Londres pre-psicodelia, un lugar cun ritmo de vida que ben pouco se asemellaba, desde logo, ao da esclerótica e chumbiza España desa mesma época; tan pouco coma un bobby lle semellaba a un garda civil ou a Sección Femenina á Women’s Liberation. Nese Londres é onde Gelo, un camareiro duns corenta anos,procedente da Veiga, encóntrase de novo con Elisa, unha moza da aldea, vinte anos máis nova, coa que mantivera certa relación no pasado.
O seu relato, obsesivo monólogo emocional do que Elisa é inconsciente narrataria e verdadeira protagonista, retrata o escenario social e, sobre todo, a metamorfose da rapaza, quen, a diferencia de Gelo –personaxe pasivo, inadaptado, carne de ghetto, para o que a emigración significa un exilio incómodo e transitorio- teima en afacerse e procura progresar nas novas circunstancias. A ela non lle importará mudar de nome e mais de
lingua, e mesmo atopará en Londres a súa epifanía, convertida nunha activa impulsora dos dereitos da muller.
A súa progresiva independencia contrasta coa parálise sentimental e moral do narrador, apegado a un tempo de medos conxelados.

Dolores Martínez Torres

Comentarios pechados