Menu Xerais

Crítica de Estévez-Saá sobre «O Cabo do Mundo», de Xabier Quiroga

José Manuel Estévez-Saá publicou onte en El Correo Gallego unha recensión crítica sobre O Cabo do Mundo, de Xabier Quiroga, libro que foi Premio da Crítica 2010. Reproducimos integramente a recensión:

A verdade sempre é incómoda

Non é doado, nada doado, aproximarse nunha soa novela a tres temas tan delicados como a asunción dunha morte inminente, o recoñecemento dun amor secreto e imposible, e a revelación do sufrimento que xera un estado de represión silenciado. Cuestións todas elas que demandan do autor que desexe acometelas un esforzo extra de estudo e reflexión sobre a natureza do ser humano e o modo en que o destino e o poder político se alían até converterse no máis inxusto dos nosos inimigos. O escritor lugués Xabier Quiroga (O Saviñao, 1961), na súa última novela, O Cabo do Mundo, foi quen de tecer estes tres asuntos baixo unha armazón argumental de tal profundidade que o lector chega a sentirse atrapado no devir tanto público como privado do protagonista (e narrador) dunha historia na que a barreira entre realidade e ficción se desdebuxa, cada vez máis, a medida que avanza a narración dunha novela ás veces histórica e outras negra. Xabier Quiroga, probablemente, do mesmo xeito que o seu protagonista, o “profesor que atura adolescentes con cara de noxo e collidos polo sarabullo do consumo”, Carlos Pereiro, “non [é] capaz de estar satisfeito co vivido nin conformar[se] co que [lle] queda por vivir” e tenta “atoparlle un sentido á vida” inmiscíndose na parte máis íntima do ser humano por unha banda, e nas actividades “contra a República en Galicia”, resultado daquela esquecida represión que xeraba a “loita armada e clandestina en tempos de paz”, pola outra. A documentación de Xabier Quiroga e do seu personaxe supón un dobre proceso: “procurar na memoria dos vellos, na dos moi vellos”, e indagar entre “os estudosos desa ceifa de vergonza”. Xenuína novela dun dos grandes da nosa literatura.

José Manuel Estévez-Saá

Comentarios pechados