Menu Xerais

Crítica de Gustavo Hervella sobre «Loita de clases e represeión franquista no mar», de Dionisio Pereira

O soportal de literatura do Consello da Cultura Galega, LG3, publica unha recensión de Gustavo Hervella sobre Loita de Clases e Represión Franquista no Mar, de Dionisio Pereira. Reproducímolo integramente:

A Memoria dos barcos

Amosándonos a evolución do asociacionismo mariñeiro en Galicia na etapa contemporánea, Dionisio Pereira mergúllanos no desenvolvemento da conflitividade social e laboral dende finais

Vén de saír do prelo un novo traballo do historiador Dionisio Pereira sobre o mundo do traballo e o mar. En Loita de Clases e represión franquista no mar (1864-1939) acumúlase unha boa parte da investigación desenvolta por el desde os anos oitenta sobre esta temática. Ao longo deste tempo, foron varios os traballos onde amosou as investigacións sobre o traballo en xeral e no mar en particular: asociacionismo, loita obreira e represión acontecida nas vilas mariñeiras galegas tralo triunfo do golpe militar franquista en 1936. Agora preséntanos unha visión máis completa en parte grazas á súa colaboración no equipo de investigación “Nomes e voces” a cuxos fondos pertencen a maioría das reproducións gráficas e entrevistas utilizadas no texto e tamén a unha fonda pescuda en documentación política e hemerográfica de época.

A investigación é presentada en dúas partes diferenciadas: na primeira (p. 23-212), Pereira describe a creación de asociacións de defensa dos obreiros do mar ante os patróns e ante as leis que consideraban inxustas desde o último terzo do século XIX até o comezo da guerra civil. Na segunda (p. 239-443), describe detalladamente a represión política, social e vital á que foron sometidos os obreiros do mar polos partidarios do golpe de estado desde xullo de 1936 e as consecuencias deste feito; desde as penas de cadea ou as fuxidas até a morte de boa parte dos líderes sindicais mariñeiros. Amais, existen temas transversais no libro como o traballo da muller e o paternalismo co que eran tratadas por parte dos seus compañeiros, a loita sindical contra a patronal, a modernización das prácticas pesqueiras e das relacións laborais ou a creación de agrupacións sindicais de diferente ideoloxía —libertaria, socialista, católica ou mesmamente nacionalista—. Incorpora, así mesmo, un capítulo dedicado á loita dos traballadores galegos no porto de Trintxerpe en Guipúscoa xa desde a década dos anos vinte (p. 215-235).

O acontecido nas vilas mariñeiras galegas é un fiel reflexo do que sucedía no resto do país. Unha sociedade en evolución, cambiante desde os anos setenta do século XIX, onde a poboación ía deixando de lado as tarefas do agro —sen nunca esquecelas— incorporándose á “modernidade”. E esta veu do mar: as novas técnicas de pesca, as conserveiras, os estaleiros e a emigración transformaron a faciana da costa galega. Xunto a isto, as demandas de mellora social e a incorporación dos galegos ás loitas sociais que xa eran frecuentes en Europa e América. De feito, serán moitos dos emigrantes retornados os que comecen as mobilizacións obreiras; redución da xornada laboral, melloras nas condicións de seguridade ou negociación colectivas, foron algunhas das causas das moitas loitas e folgas acontecidas en Galicia no primeiro terzo do século XX. E como destacados, os afiliados á CNT que, desde os anos dez lideraban a loita nos portos; con eles os socialistas da UGT e, trala escisión terceirista, os comunistas do PCE. O momento álxido deste período é a II República, tanto polas liberdades acadadas polos cidadáns como pola posibilidade real de mellora no seu traballo. A loita mantida polos traballadores do mar contra os armadores e conserveiros acada os puntos máis álxidos do período: as folgas en Vigo, A Coruña, Marín, Cangas, Ortigueira, Ribeira, Muros ou no porto vasco de Trintxerpe constitúen fitos na historia do movemento obreiro non só galego, tamén español.

O soño remata en pesadelo no verán de 1936. Os cidadáns máis activos da comunidade padecerán unha cruenta represión que en moitos casos —4.673 persoas segundo os últimos datos— acabarán sendo asasinados. Isto tamén é reflectido no traballo de Pereira aplicado nesta volta ao mundo do mar. E xunto á morte, a esperanza. Un dos apartados da obra sinálanos as fugas por mar realizadas xa desde os primeiros intres no litoral galego. Isto foi posible grazas á colaboración das xentes, anónimas, que non dubidaron en agochar aos seus veciños e facilitarlles a fuxida dunha morte segura (p. 339-443), como se presenta no Cadro V (p. 469).

Sutilmente, Pereira describe no epílogo as consecuencias máis inmediatas da represión, “nos anos corenta e cincuenta, os pescadores perderon todo o seu anterior protagonismo” (p. 448) e “nesta negrura, aínda deberemos agardar a ben entrados os anos sesenta do século XX para albiscar novas faíscas de rebeldía no mundo do mar, transmitidas agora a través do catolicismo social presente no Apostolado del Mar” (p. 453).

Trátase dun estudo necesario; Galicia non se entende sen o mar e sen as achegas que grazas a el se fixeron para artellar unha sociedade moderna. Con todo, no estudo hai unha presenza abafadora da CNT sobre outras agrupacións, aínda que certamente este foi o principal sindicato, non era o único —o autor sinala os nomes dalgúns socialistas e comunistas asasinados a partires de 1936—; neste aspecto, o autor bota man das súas pescudas xa clásicas sobre o sindicalismo libertario. Sería moi interesante afondar no proceso de construción da conciencia dos mariñeiros como parte dunha sociedade cambiante, non só desde o punto de vista da loita de clases, tamén na súa paulatina transformación en cidadáns libres nun Estado que se ía construíndo segundo os parámetros da modernidade occidental, coas súas vantaxes e os seus problemas, como non podía ser doutro xeito. Isto é un dos puntos nodais ao estudar a represión desencadeada tralo golpe militar: asasinan maioritariamente aos líderes porque este era o xeito máis evidente de paralizar á sociedade, de aí que unha boa parte dos fusilados e paseados non sexan obreiros senón membros da nacente e cada vez máis significativa burguesía liberal, non só en Galicia, tamén no resto de España: alcaldes, empresarios e, evidentemente, líderes sindicais e políticos. Ao final, a carón dun sindicalista fusilaron a un empresario, a carón dun ateo a un católico, a carón dun republicano de esquerdas un republicano de dereitas e a carón dun nacionalista español a un “periférico”. Foi a destrución da sociedade galega, tal como se desprende da lectura deste e doutros traballos.

Loita de Clases e represión franquista no mar (1864-1939) vén a acompañar outros que sobre a temática da represión e dos movementos sociais se editaron en Galicia nos últimos anos cubrindo un oco, o do mundo do mar, que até agora non fóra tratado acorde á importancia que para o país tivo e ten.

Comentarios pechados