Menu Xerais

Crítica de José Miguel Giráldez sobre «Lois Pereiro. Breve encontro», a novela gráfica de Jacobo Fernández Serrano

José Miguel Giráldez publica en El Correo Gallego unha recensión crítica de Lois Pereiro. Breve encontro, a novela gráfica de Jacobo Fernández Serrano.

Sempre é tempo de Lois Pereiro: unha gran mirada ao poeta doutro xeito

FORON XA MOITOS os achegamentos á obra de Lois Pereiro durante o ano no que se lle dedicou (con toda xustiza) o Día das Letras Galegas.  Pero sempre hai oportunidades para ir máis aló, ou para mirar a un autor doutra maneira. A vida de Lois Pereiro, como nos contaron os que o coñeceron ben (Manuel Rivas, sen ir máis lonxe) está chea de avatares, de sucesos marabillosos e tráxicos, de tal forma que, entre Madrid e Monforte, o poeta ofrece o mesmo vertixe que outros poetas de biografías supostamente máis internacionais. Lois Pereiro é, polos seus temas, pola súa estética, absolutamente cosmopolita, e Jacobo Fernández Serrano foi capaz de trasladar toda a súa enerxía, toda a súa natureza feramente humana, a esta biografía narrada en forma de cómic, realizada intelixentemente en branco e negro. Trátase dunha coedición entre Xerais e a Xunta de Galicia que non só achega un valor indiscutible ao catálogo da editorial, senón que tamén consolida a produción de biografías de autores aos que se lles dedica o Día das Letras Galegas, en forma de cómic, apoiadas desde as institucións. Esta é unha liña que debe continuar, porque o apoio á banda deseñada, que en Galicia conta con algúns impulsores e creadores notables, debe ser firme, sobre todo pola súa altísima calidade. Jacobo Fernández demóstrao aquí, aínda que, por suposto, este gran debuxante xa demostrou sobradamente a súa categoría noutras ocasións. Lois Pereiro aparece reflectido aquí até nos seus mínimos detalles, cunha expresividade que non renuncia á dureza de moitos episodios, colocando ademais a obra, a poesía, á mesma altura dos feitos biográficos. Quizais porque en Pereiro, máis que noutros moitos, a poesía e a vida (e a morte) non poden separarse. É un libro moi fermoso, moi necesario, que non deben perderse.

José Miguel Giráldez

Comentarios pechados