Menu Xerais

Crítica de Laura Caveiro sobre os «Sonetos de Shakespeare»

O Faro da Cultura, de Faro de Vigo, inclúe hoxe unha recensión crítica de Laura Caveiro sobre a tradución dos Sonetos de Shakesperare, feita por Ramón Gutiérrez Izquierdo.

Escura e Beautiful

Das audaces artes

Afirma Harold Bloom que se puidese interrogar a un autor xa morto, desde logo, escollería a Shakespeare. Non obstante, matiza con retranca:“non perdería nin un segundo preguntándolle a identidade da Dama escura.” Tamén, moito máis alá de artificiosos misterios, vemos como vai á cerna do Shakespeare sonetista a tradución ao galego dos seus Sonetos, sabiamente comentada e anotada, do profesor da Universidade deVigo, Ramón Gutiérrez Izquierdo, publicada por Edicións Xerais en edición bilingüe.

Se arduo labor é traducir a calquera clásico, aínda máis meritorio coidamos que é traducir os Shakespeare’s Sonnets. Por iso resulta de tanto interese achegarmos ás explicacións que Gutiérrez Izquierdo nos ofrece sobre os xogos de palabras, sobre o argot da época (en especial en relación co sexo), sobre a música que non se lle furta a estes versos, e sobre o estéril afán dos estudosos por identificar o mozo e a muller a quen se apostrofa nos poemas. Afán que se entende froito dun malentendido persistente: a identificación da voz lírica (a voz do falante lírico) co autor. Aclárasenos que en moitos sonetos non se sabe quen é o falante lírico: se é un home que se dirixe a un home, un home que se dirixe a unha muller ou unha muller que se dirixe a un home. Cuestión que non pode rematarse senón lembrando que se recorre en moitas ocasións a motivos da lírica trobadoresca, debedora nal-gúns xéneros da canción feminina, posta en boca dunha muller namorada. Velaí a audaz arte destes sonetos, a maior gloria do mozo apostrofado e mais da súa“Dark Lady”.

Laura Caveiro

Comentarios pechados