Menu Xerais

Crítica de Manuel Rodríguez Alonso sobre «Un dedo manchado de tinta», de Manuel Portas

O crítico Manuel Rodríguez Alonso publica no seu blog Bouvard e Pécuchet unha recensión sobre Un dedo manchado de tinta, de Manuel Portas. Reproducímos os parágrafos iniciais:

Historias e xentes do noso contorno

Manuel Portas reúne neste volume sete relatos curtos, unidos polo azar da vida e as coincidencias inexplicables, que se centran en personaxes e feitos do contorno habitual do lector, nunha acaída mestura de realidade e imaxinación, como ben anuncia o metarrelato que abre o volume. O autor manexa así mesmo de xeito adecuado os procedementos que permiten enganchar a atención do lector, polo que resulta un libro apropiado para ler nas vacacións, que xa están aquí.

O autor acerta coa estrutura dada aos relatos ao facer coincidir personaxes moi diversos no espazo común do aeroporto de Lavacolla no derradeiro texto do libro. A pura concidencia no mesmo lugar une as vidas de personaxes moi dispares e confírelles unidade aos sete relatos curtos. O espazo, a sala de espera do aeroporto de Lavacolla, onde coinciden neste relato derradeiro todos os personaxes aparentemente independentes confírelles unidade.

Interesante resulta tamén o exercicio metanarrativo pois o observador da sala do aeroporto é o propio narrador, Gonzalo, que amosa o propósito de contar ou imaxinar a razón da morte de Chus, así como as vidas das persoas que a axudan. Velaí están os relatos anteriores que acabamos de ler. Xa que logo esta estrutura, onde ocupa un lugar importante a metanarratividade, é, como xa indicamos, un grande acerto do autor.

No espazo do aeroporto coinciden os protagonistas dos relatos curtos que forman o libro. Alberte, o funcionario municipal protagonista do relato “A carta” espera un cubano, fillo de galego, do que andou a buscar os seus antecedentes familiares. Están así mesmo María e o subsahariano Malulú, protagonistas da ben levada historia de amor e mesmo policial “Malulú”. Aparecen tamén Carme, a protagonista de “Expediente 324/10” e a sindicalista-caixeira de supermercado Cristina, figura principal do relato curto “Lector Óptico”. A morte, supostamente asasinada, da protagonista do penúltimo texto (“Próxima estación: Urquinaona”) na devandita sala de espera do aeroporto fainos coincidir a todos, baixo a atenta mirada do narrador, Gonzalo, que terá que artellar a historia destes personaxes, como xa lemos nos textos precedentes.

Os personaxes e as historias destes relatos curtos póñennos en contacto nuns casos coa vida dos emigrantes galegos dos anos vinte e trinta, coa dura vida do presidio, coa loita dunha nai solteira e sindicalista ou mesmo cos problemas dos inmigrantes subsaharianos en Galicia. Xa que logo, como dixemos ao comezo, son historias e personaxes do noso contorno inmediato. Ata a historia de “Próxima estación: Urquinaona”), chea de acción, nos trae á memoria os relatos aos que estamos afeitos polos telefilmes de acción ou polas crónicas e reportaxes sobre corrupción e mesmo asasinatos para tapar os delitos dos poderosos.

Xa que logo estes relatos, ben levados desde o punto de vista do argumento e aínda que os personaxes e as situacións algunhas veces parezan tópicos e costumistas de máis, entreteñen e informan sobre a sociedade actual e os seus problemas. Por outra banda, o exercicio metanarrativo está ben integrado no conxunto dos textos e resulta acaído e non soa a artificial.

Ler a recensión completa.

Comentarios pechados