Menu Xerais

Crítica de Mar Fernández Vázquez sobre «Verbas de sal», de Antonio García Teijeiro

El Correo Gallego publica nas súas páxinas de cultura unha recensión de Mar Fernández Vázquez sobre Verbas de sal, de Antonio García Teijeiro. Reproducímola a continuación:

Ao se cumpriren dez anos da colectánea Un saquiño de contos, na que participaban Antonio García Teijeiro, Xoán Babarro, Fina Casalderrey e Gloria Sánchez, Edicións Xerais de Galicia reedita en edición exenta, actualizada á normativa vixente, Verbas de sal, de García Teijeiro (Vigo, 1952), como xa fixo cos contos dos outros autores.

Un saquiño de contos, Contos para levar no peto e Historias para calquera lugar foron os volumes colectivos publicados en 2001 para conmemorar que a colección “Merlín” chegaba ao número 100, un feito salientable xa que esta colección deu a coñecer moitos autores galegos ao lectorado infantil e xuvenil, en distintas series para a franxa etaria á que se recomenda cada obra. Verbas de sal exemplifica o bo facer prosístico e poético deste recoñecido profesor, editor, crítico e escritor. Prosa poética e tamén un breve poema de (Don) Evaristo, un “tolo” para os veciños de Villamollada agás para Xulieta e os seus amigos. Este conto fantástico-realista posúe tenrura, ritmo, sonoridade e luz, e presenta dous niveis de lectura: o lectorado infantil entra na historia da man do texto e das ilustracións, respondendo así ás preguntas retóricas que formula o autor; mentres o lectorado adulto reflexiona sobre temas recorrentes na escrita de García Teijeiro: o seu interese pola esencia da “palabra” e por “contaxiar” e “filtrar” a necesidade da lectura e da poesía na vida cotiá, e por lle achegar ao lectorado valores como o amor, a amizade, o compañeirismo, o respecto e a solidariedade.

Sumándonos ao xogo deste autor rescatamos seis “verbas de sal”, presentes no seu macrouniverso literario e nas súas reflexións como profesor, editor e crítico literario:

Xogo, textual e visual de Antonio García Teijeiro e Alberto Vázquez para conectar co lectorado agardado. Villamollada, espazo onde se sitúa a historia, imaxe dunha típica vila mariñeira galega.

Personaxes, tres principais: Don Evaristo, Xulieta e Pinturo, aínda que a trama e o desenlace da historia parten das accións que emprende a nena; e secundarios: o mar personificado, que achega datos cos que Xulieta descobre o segredo do tolo poeta; e a familia de Xulieta, uns pais que traballan, traballan, traballan todo o día mentres a nena e a avoa se axudan e se fan compañía mutua.

Escola, unha biblioteca abandonada onde Don Evaristo escribe, e un encerado onde vive só Pinturo; símbolo da despreocupación social pola cultura e polos seus axentes.

Palabra, en esencia, coa que capta o lectorado dirixíndolle frases directas, coa que presenta Villamollada, relata a historia, e apunta fondas reflexións sobre a soidade do escritor e a necesidade de ser oído. Amizade, un dos valores primordiais que permite a unión dos personaxes principais, antes sós e afastados da vila que os rodea.

Mar Fernández Vázquez

Comentarios pechados