Menu Xerais

Crítica de Marcela Santorum sobre o «Dicionario de Arte»

O Faro da Cultura publica hoxe unha recensión crítica de Marcela Santorum sobre o Dicionario de Arte de Emilio de Gregrorio e Armando Sendín publicado por Xerais. Reproducímola integramente:

Claridade, contextualización

Unha ferramenta con calidade

Emilio de Gregorio e Armando Sendín son os autores do Dicionario de Arte publicado por Xerais. Este dicionario disciplinar chega en bo momento xa que hoxe a supremacía do universo visual merece un achegamento parsimonioso da complexa variedade de termos que atesoura a arte. Un corpo léxico que dende os últimos anos medra como consecuencia da incorporación das novas tecnoloxías que a través das súas aportacións en recursos estéticos e produtivos son un campo fértil para a incorporación de conceptos novos. Pero tamén é importante salientar os cambios producidos na conceptualización da arte e as perspectivas interdisciplinais que enriquecen este universo de coñecemento. A presente obra cumpre os obxetivos dos autores que quedan reflexados en catro termos: brevidade, claridade, contextualización e globalidade. O dicionario é un esforzo de documentación para o ámbito da arte pero tamén aporta unha visión clarificadora do coñecemento visual e axuda á valorización do ámbito da creación.
A obra recolle información completa das perspectivas de observación do saber artístico.Ofrece os termos consustanciais da arte que son os estruturais que percorren a historia da arte.Tamén incorpora os termos puntuais, ligados a estrutura social e identificados coa construción das escolas, movementos e estilos. Noutro sentido incorpora as entradas relacionadas cos xéneros e atopamos as verbas da perspectiva narrativa da arte, con información sobre as temáticas e contidos propios do mundo
visual. O conxunto complétase coas palabras que fan referencia aos aspectos formais da actividade: conceptos que describen recursos da construcción e composición visual ademais dos relacionados coa morfoloxía. Aínda que os autores presentan a obra dirixida ao público profano namateria é sen dúbida unha ferramenta de consulta de calidade para todos.

Marcela Santorum

Comentarios pechados