Menu Xerais

Crítica de Montse Pena Presas sobre «O segredo da Pedra Figueira», de María Xosé Queizán

Montse Pena Presas publica no último número de Protexta unha recensión crítica sobre O segredo da Pedra Figueira, de María Xosé Queizán.


Un texto pioneiro
Relato fundacional de María Xosé Queizán para a literatura xuvenil galega. Agora recupérao Xerais

O segredo da Pedra Figueira de María Xosé Queizán publicábase por primeira vez baixo o selo Tintimán –xurdido ao amparo da revista homónima– en 1985. Nese mesmo tempo, un annus mirabilis para o lectorado mozo, saíran tamén do prelo dous textos que marcarían un antes e un despois nas letras de noso: Das cousas de Ramón Lamote de Paco Martín, ese primeiro e histórico Premio Nacional de Literatura Infantil para a LIX galega, e Arnoia, Arnoia, a engaiolante e mellor demostración de como X. L. Méndez Ferrín sabe achegarse ao público mozo (moi interesante resulta a súa lectura en paralelo coa creación de Queizán, xa que ambas as dúas comparten o alento épico e o carácter de novela de aprendizaxe, focadas dende diferentes ángulos).
O libro de Queizán fora rescatado por Xerais xa en 1989 e publicado na exitosa colección Xabarín, gozando así dunha maior difusión que a acadada na súa anterior edición. Que hoxe se volva reeditar –como xa se fixera en 2003– na colección “Fóra de Xogo”, di moito da sensibilidade literaria dos responsables desa: non só porque O segredo da Pedra Figueira se considere un dos nosos primeiros textos escritos especificamente para o público xuvenil, senón tamén porque é unha das primeiras obras feministas da LIX galega. Neste sentido, Queizán segue a lina aberta por Xohana Torres, que en 1984 publicara Pericles e a balea, e fixera xa visible que as mulleres e as nenas son marineiras e navegan como a súa mítica Penélope.
O argumento conta como Lazo, unha moza da tribo dos Amala, ve o seu hábitat invadido pola perigosa tribo dos Lurpios. Como consecuencia disto, o seu pobo ten queemigrar e buscar un lugar onde asentarse. Tras pasar por diferentes perigos, conseguen facerse co seu propio espazo, preto da cidade de Findasol. A longa viaxe dará a oportunidade á protagonista de acadar a madureza e de elixir o seu propio destino, rexeitando a oportunidade de ser a custodiante da Pedra Figueira. Mais, paradoxalmente, este encontro consigo mesma e coa súa identidade feminina só é acadado cando as aspiracións societarias están conseguidas.
Se ben o texto pode ser lido coma unha épica de carácter identitario, que a autora coloque no papel protagónico tres figuras femininas de diferentes xeracións: Sensatanai (a avoa depositaria da sabedoría), Marpesia (a nai guerreira) e Lazo, a filla (que pode escoller o propio camino, co que se reivindica o seu dereito a elixir), que amais subverten os roles establecidos, desvela a intención autorial de crear unha xenealoxía feminina e feminista. O valor da obra de Queizán é, neste sentido, dobre, pois se por unha parte por primeira vez unha muller adolescente protagonizaba unha novela galega, pola outra facíao dende unha óptica claramente crítica co patriarcado, que conseguía facernos reflexionar sobre os preconceptos asociados ao xénero. Todo, a pesar de que, na novela, o longo espectro da identidade nacional siga sobreponéndose á identidade feminina.

Montse Pena Presas

Comentarios pechados