Menu Xerais

Crítica de Paula Fernández sobre «Os megatoxos e a cara oculta da lúa», de Anxo Fariña

Paula Fernández publica no suplemento Faro da Cultura, de Faro de Vigo, unha recensión crítica sobre Os megatoxos e a cara oculta da lúa, de Anxo Fariña.


Historia dinámica

Valores universais

Os Megatoxos e a cara oculta de Lúa vén ser o volume que contén as novas aventuras de Faísca, Ninfa, Lúa e Ruxe: toda unha xeira que vén de saír do prelo para satisfacer un público, ben numeroso, que devecía, desde logo, por unha nova entrega –a cuarta xa na traxectoria- desta saga que demostra que é posible crear personaxes, espazos e argumentos atractivos capaces de conquistar os lectores máis esixentes sen necesidade, por mor diso, de bombardealos con campañas de mercadotecnia infernais. Outra volta, pois, aventuras do grupo, afectado polos efectos da flor do toxo, cuxos membros nesta ocasión loitan a dúas bandas: contra o mal que se propaga polo seu instituto e asemade contra a tiranía dunha raíña que quere dominar o mundo. Males que acontecen simultaneamente e que engadirán unha transformación no carácter de Lúa e así farán máis difícil e perigoso acadar o final desexado.
Atopamos, entón, todo o agardado polo público xuvenil nunha historia dinámica, nela sucédense os feitos dun xeito case cinematográfico, na que sobrancean a acción e os sentimentos, a presenza de valores universais que producen en quen le reflexións sobre o interior de cada un, sobre a súa identidade ou sobre o ben e o mal. Semella complicado conseguir estes pensamentos partindo dunha historia tan fantástica mais non imposible para Anxo Fariña (Vigo, 1977), gañador da última edición do Premio Merlín de LiteraturaInfantil e Xuvenil, que logra a combinación simbiótica da realidade adolescente cun mundo de heroes e superpoderes.

Paula Fernández

Comentarios pechados