Menu Xerais

Crítica de Paula Fernández sobre «Xenaro e a hucha do indiano», de Mar Guerra

O Faro de Vigo, no suplemento Faro da Cultura, publica hoxe unha recensión crítica de Paula Fernández sobre Xenaro e a hucha do indiano, de Mar Guerra. A recensión pode baixarse en pdf ou ler integramente aquí:

Novela coral

Un personaxe suxestivo

Despois de Xenaro e o misterio da mochila verde, que supuxo o achegamento de Mar Guerra ás letras para os máis novos e que lle valeu o Premio Merlín de literatura infantil,onde coñecemos a Xenaro Conese Maiúsculo, o rapaz entrañable, espelido e con dotes de detective, aínda que ás veces un pouquiño resabido, ao que lle gusta tanto xogar coas palabras e ler, chega agora unha nova entrega, Xenaro e a hucha do indiano, que posúe moitos dos trazos que lle concederon ao primeiro a aceptación dos esixentes lectores e lectoras do terceiro ciclo da educación pr imar ia. Outra vez ponse en valor a amizade, o respecto entre compañeiros, dende a recreación dun universo, por veces próximo ao fílmico nas accións e recursos, que parte da cotianeidade, espazos e personaxes que son familiares, que non producen estrañamento para os nenos e nenas da actualidade, que serán quen así de facer pasar fermosos e entretidos momentos a quen le.
Numerosos personaxes, redondos,que evolucionan ao longo das páxinas desta novela coral onde as aventuras xorden do misterio que emana da hucha dun indiano falecido e dos problemas que se lle presentan ao protagonista cos seus amigos e compañeiros de clase. Aventuras e misterios que deixan varios intres dominados polo suspense e reflicten en toda a novela a riqueza que posúe a linguaxe empregada polos personaxes e a capacidade que esta ten para atraer lectores, para achegalos ao clímax grazas a un ritmo lingüístico frenético e ao encadeamento de oracións e conceptos xa sexa na narración ou ben nos diálogos.
Dende a directísima intervención narradora do primeiro capítulo de cara ao público os lectores séntense case personaxes, son tomados en conta pola autora e ese interese faise patente nas palabras de Xenaro, que conta a historia con total liberdade, tal e como se faría cos amigos e amigas no patio da escola.
Xenaro representa un neno actual adobiado con características de personaxe de ficción que o fan máis suxestivo: divertido, irónico, valente e sempre tenro e inocente, e a novela a conxunción de todo o preciso para chegar a ese neno dende o respecto por unha concepción da literatura que neste intre xa se sabe intelixente e madura. E se a isto engadimos as ilustracións de Fernando Llorente á hora de dar forma plástica a momentos clave da narración, entenderemos a boa aceptación que tivo a primeira parte destas aventuras nos centros escolares e a que de seguro vai ter esta segunda.

Paula Fernández

Comentarios pechados