Menu Xerais

Crítica de Ramón Nicolás sobre «Aníbal Otero. Lingüística e política en España na Guerra Civil e no franquismo» de Xesús Alonso Montero

Ramón Nicolás publicou a pasada fin de semana nas páxinas do suplemento Culturas de La Voz de Galicia, unha recensión do libro Aníbal Otero. Lingüística e política en España na Guerra Civil e no franquismo de Xesús Alonso Montero. Reproducímola integramente:

Hai libros que un evoca, pasado o tempo, porque se  lembra algún detalle perpetuado con teimosía na memoria; outras veces  valórase a oportunidade da súa publicación, a información nova que achega ou a atinada interpretación que, respecto de determinados acontecementos, se realiza; mesmo en ocasións tamén se recorda pola presenza de capítulos inesperados. Non ten sentido afirmar aquí o que, este lector, lembrará ou non da lectura deste ensaio que subscribe Xesús Alonso Montero, no ronsel deses últimos traballos que vén ofrecendo e que se abeiran á investigación literaria, política, sociolóxica e cultural do tempo republicano, da guerra civil, do exilio e do (anti)franquismo, pero talvez non estea errado ao aseverar que a este libro se lle poden aplicar, con pertinencia, todos e cada un dos trazos que se sinalaron.

É un libro oportuno porque este mesmo ano se celebra o centenario do nacemento do biografado: un filólogo sobre o que se abateu unha sorte dramática en moi diferentes sentidos.  Un libro informativo, e formativo, pois o profesor Alonso Montero deita nestas máis de catrocentas páxinas un valioso caudal documental como son as abondosas referencias epistolares exhumadas ou a Causa xudicial que se instruíu contra Aníbal Otero por só citar dous exemplos, ademais doutros moitos textos escasamente coñecidos que son presentados e interpretados con claridade, resultando operativos para desfacer as lendas que gravitaban arredor da detención e posterior encarceramento de Aníbal Otero, tras a sublevación militar, en base a seren descubertos no seu poder uns documentos interpretados erroneamente cando eran transcricións do seu traballo filolóxico, dando conta así das verdadeiras causas que xustificaron a pena que lle foi imposta. Non resultan de menor interese as pasaxes centradas en recuperar unha parte substantiva da nosa filoloxía e da filoloxía hispánica, con referencias abondosas a figuras como Ramón Menéndez Pidal ou Navarro Tomás, ambas as dúas moi vinculadas co filólogo lugués. Finalmente, preséntase un capítulo inesperado, como o que se titula “Réplica a esta biografía”, no que o ensaísta realiza unha afortunada e ben fiada incursión nos terreos da ucronía, á que tan ben lle acae o que o propio autor sinala neste libro: “quizais a literatura (…) é unha defensa contra as ofensas da vida”.

Un ensaio, en fin, do máis salientable entre o aparecido neste ano e que entendo de lectura obrigada para interesados na Filoloxía, na Lingüística, nos eidos biográficos e para os que desexen mergullar, con garantías, nalgunhas das claves da nosa historia máis recente.

Ramón Nicolás

Comentarios pechados