Menu Xerais

Crítica de Rodríguez Alonso sobre «Contra a morte das linguas. O caso do galego», de Miguel Moreira Barbeito

Manuel Rodríguez Alonso publicou no seu blog unha recensión crítica sobre o libro Contra a morte das linguas. O caso do galego, de Miguel Moreira Barbeito.

 

 

Hai futuro aínda que non o pareza

Hai agora corenta e un  anos publicouse un libro do actual presidente da RAG, Xesús Alonso Montero, Informe –dramático- sobre la lengua gallega, onde se vaticinaba a desaparición do galego no prazo duns trinta anos se non se cumprían determinadas condicións. Durante estes corenta anos é un tema recorrente o da posible morte do galego, así como o da perda continuada de falantes iniciais da lingua de noso. O libro que agora comentamos analiza a teoría xeral sobre a desaparición/morte das linguas no mundo e aplícaa ao caso concreto do galego. Pero o que me parece máis importante: realiza sete propostas concretas e precisas para que o galego se normalice e, deste xeito, non desapareza.

O autor parte dos estudos da UNESCO que presentan o galego como unha lingua en perigo de desaparición. Analiza os procesos de substitución lingüística e mais de desaparición de linguas no mundo para iluminar o caso do galego. Manexando unha ampla bibliografía sobre o tema, o autor chega á conclusión do fracaso dos distintos bilingüismos aplicados no caso do galego para a normalización da lingua de noso, ben sexan bilingüismo harmónico, cordial ou o chamado restitutivo. Considera que todos eles só conducen a unha morte doce da lingua. O autor tamén analiza polo miúdo o tema dos dereitos individuais e mais dos colectivos no eido da lingua. Non obstante, eu coido que este libro fala moito da morte das linguas en xeral, mais pouco do galego.

Neste sentido, nun libro que se titula Contra a morte das linguas. O caso do galego, eu esperaria que se falase polo miúdo de quen son os axentes que atentan contra a supervivencia do galego, mesmo con nomes e apelidos. E iso non é así. Quen son os inimigos concretos do galego contra os que temos que loitar, entendida esta loita como puramente ideolóxica e de convencer con argumentos e pola palabra? Pois, non o sei, tras ler este libro.

Eu coido que hoxe o principal inimigo do galego é o neoconservadorismo españolista presente na ideoloxía dos dous partidos maioritarios en Galicia, PP e PSOE. Viría ben que o autor informase sobre o problema que suscitou o galego na redacción do Estatuto de Autonomía ou como o PSOE recorreu contra a obrigatoriedade de coñecer o galego, representado en Galicia, para máis inri, polo Presidente daquela da RAG, García-Sabell. Cumpriría tamén que analizase o papel que representan a prensa e os medios de comunicación, non só galegos, senón tamén estatais, mesmo so un certo verniz de progresismo, como é o caso do grupo Prisa, o mellor expoñente hoxe do regionalismo bien entendido.

Cando fala da necesidade de usar un galego de calidade non analiza o galego que propón a RAG, tanto nas súas NOMIG como nos seus dicionarios. Non di que os grandes espalladores do antigaleguismo no Ensino son La Voz de Galicia, co célebre editorial do seu presidente-editor antes da primeiras eleccións que gañou Feijoo, ou mesmo coa cobertura que lle deu Faro de Vigo ao grupo Galicia Bilingüe. Tampouco nos di nada dunha sociedade civil como a galega que segue a votar maioritariamente partidos como PP ou PSOE, que non se distinguen pola defensa da lingua de noso. Cómpre concretar nestes casos e deixarse de tantas teorías.

Por outra banda, garda unha fidelidade demasiado estrita ás propostas do que eu veño chamando Escola coruñesa de lingüística (Freixeiro, García Negro…), o que me parece moi ben, mais tamén debía analizar máis polo miúdo as propostas da lingüística oficial do ILGa, da RAG, de Monteagudo…

Parécenme moi ben as sete propostas normalizadoras do galego, que evitarían a súa desaparición. Non obstante, nada se nos di neste libro sobre como temos que actuar ou a quen convencer para as acadarmos. Con que medios e persoas podemos contar para iso? Que temos que facer concretamente para lograr un galego de calidade? Seguiremos as propostas da RAG ou as de Freixeiro Mato? Para conseguir unha maior presenza do galego no Ensino votaremos o PP, o PSOE, UpyD, o Bloque, os nacionalistas…? Mercaremos o Faro  ou A Voz ou leremos os xornais dixitais que usan o galego? Eu digo desde aquí que sempre voto os partidos que máis se achegan ás sete propostas do autor, que deixei de mercar La Voz de Galicia despois do célebre artigo-editorial do seu presidente-editor e que o Faro, tras a súa defensa de Galicia Bilingüe, só o merco os xoves polo suplemento do Faro da Cultura. Tamén digo, por exemplo, que a RAG ten moito que mellorar nos seus dicionarios e que é unha vergonza que aínda non nos ofreza unha gramática sinxela normativo-descritiva ou mesmo unha ortografía que non tome a castelá como substitutoria, como fan as NOMIG, que, por exemplo, nada din sobre o uso dos signos de puntuación e que se limitan a usalos coma o castelán. Cómpre concretar e non quedarse en xeneralizacións.

No eido lingüístico, o autor, lingüista profesional, debía preocuparse por usar ese galego de calidade que defende no libro. Así, en galego e de acordo coa RAG, non se di tese doutoral (páx. 11), evidente castelanismo, senón tese de doutoramento. Os prefixos en galego non van seguidos de guión (neo-liberal, páx. 14). É castelanismo sintáctico empregar sacudir con CD como pronominal: A lingüística profesional… pretende sacudirse a mala reputación… (páx. 13). Ante o pronome personal cómpre usar ca e non que como partícula comparativa: que elas (páx. 89). Os barcos non teñen adegas, senón bodegas, pois bodega-adega non son sinónimos nesta acepción: adegas de barcos (páx. 105). En galego non existe convertiramos (páx. 124), senón converteramos. En fin, baixo este punto de vista (páx. 18) é unha boa mostra de castelgalego.

Volvendo ao rego, publicación dunha tese de doutoramento que ofrece unha moi boa información sobre a morte das linguas en xeral, mais pouco sobre a posible morte-desaparición do galego e sobre quen son os axentes concretos que procuran esta morte ou desaparición. Gústannos as sete propostas concretas para normalizar o galego. Por outra banda, o libro non subliña o suficiente que, malia que son moitos os motivos para sermos pesimistas, tamén temos algúns para sermos optimistas, como o é, por exemplo, o aumento dos usuarios conscientes do galego, especialmente o dos que na súa infancia  foron castelanfalantes iniciais; debía salientar así mesmo o pulo que o galego ten no mundo intelectual ou literario ou o fenómeno que se vén producindo desde os anos sesenta, que tantas veces sinalamos aquí, de identificación entre galego e progresismo en xeral. Hoxe non hai causa progresista en Galicia que non se exprese en galego. Posiblemente esteamos mal, mais nos anos inmediatamente anteriores á morte de Franco estabamos bastante peor. Aí está o que Bragado denomina a Xeración da Esperanza referido aos escritores e intelectuais en xeral, mais este nome pode ampliarse a un amplo colectivo, nado tras a morte de Franco ou nos anos inmediatamente anteriores, cuxos membros xa recibiron unha ensinanza do galego e nalgúns casos ata en galego e que son hoxe un forte bastión concienciado na defensa e permanencia da lingua de noso.

Manuel Rodríguez Alonso

Comentarios pechados