Menu Xerais

Crítica de Xosé Feixó sobre «Aníbal Otero. Lingüística e política en España na Guerra Civil e no franquismo», de Xesús Alonso Montero

Xosé Feixó publicou no Faro da Cultura, o suplemento literario de Faro de Vigo, unha recensión crítica sobre o libro Aníbal Otero. Lingüística e política en España na Guerra Civil e no franquismo, de Xesús Alonso Montero. Reproducímola integramente:

Magnífico resultado

Filoloxía en tempos desaxeitados

Antes ca min tiveron a oportunidade de comentar este libro outros críticos de notable e recoñecida valía, como Francisco Martínez Bouzas, Xosé Luís Franco Grande, Xosé María Dobarro ou Juan Soto, e todos coinciden, como non podía ser doutro xeito, en salientar a figura do filólogo Aníbal Otero Álvarez (1911–1974) e mais o traballo que sobre o mesmo nos agasalla o profesor Xesús Alonso Montero.
E eu non podo menos que facer outro tanto. En primeiro lugar, sinalar que o profesor Alonso Montero revélase máis unha vez como un auténtico mestre na investigación e na documentalística, terreo no que se move con folgada soltura, tanto pola súa ampla experiencia como pola súa capacidade analítica, da que sempre gozou, unida á súa máis que recoñecida formación, continuada a través de longos anos. Deste xeito, o magnífico resultado da obra correspóndese perfectamente coas expectativas que tiñamos, e neste sentido cómpre darlle os nosos parabéns ao profesor e recomendar encarecidamente a lectura deste libro, pola súa calidade, polo seu carácter ameno, pola valía do autor estudado –da que logo falaremos–, e porque para moitos investigadores, e en especial para os mozos e mozas que se están a achegar a este mundo, servirá de exemplo e guía de traballo.
Son de destacar neste estudo todas as epígrafes, desde o capítulo preliminar, incluída a importante cronoloxía do filólogo, ata o derradeiro, o índice onomástico, pasando mesmo pola “Réplica” biográfica, coa que non está especialmente de acordo, segundo nos comenta, o fillo do filólogo, Horocel Otero –que colaborou como informante do profesor, e do que este di que ten unha prodixiosa memoria–, por razóns que agora non imos concretar.
En segundo lugar, sinalar o acerto na escolla da figura estudada, Aníbal Otero, ao que, na miña opinión, debeu a RAG dedicar este ano as Letras Galegas, por haber abondas razóns meritorias e por coincidir co centenario do seu nacemento.
A época que lle tocou vivir a Aníbal Otero foi moi difícil, e de non ser pola Guerra Civil e a cadea que sufriu, a historia sería moi distinta. Aos vinte e cinco anos coñecía a fondo o galego vivo, nas súas vertentes lexicográfica, dialectal e fonética, gozando do recoñecemento de filólogos de entidade como Menéndez Pidal e Tomás Navarro Tomás, cos e para quen traballou na elaboración do Atlas Lingüístico de la Península Ibérica. A súa detención pola policía portuguesa en Valença e a súa entrega ás autoridades militares de Tui, que o someteron a un proceso no que mesmo se pedía a pena de morte, tronzaron a súa carreira filolóxica. Neste sentido é realmente esclarecedora e apaixonante toda a documentación proporcionada, que de xeito concreto recomendo.

Xosé Feixó

Comentarios pechados