Menu Xerais

Crítica de Xosé Manuel Eyré sobre «A Veiga é como un tempo distinto», de Eva Moreda

Xosé Manuel Eyré publica en A Nosa Terra unha recensión crítica sobre A Veiga é como un tempo distinto, de Eva Moreda.

A óptica poética na narrativa de Eva Moreda

O primeiro que ter en conta ao ler esta novela é que está escrita desde unha óptica poética. Non queremos con isto dicir que se trate de prosa poética; entendo por prosa poética esa que case só se diferencia da poesía pola forma en que se manifesta. Nin moito menos. Mais é moi importante sabelo porque só desa maneira se terá correcto acceso ao contido do discurso, cando esta óptica poética condiciona toda a novela porque xa naceu desde ela. Alén diso, hai que lela como unha novela do século XXI, non como un exercicio de costumismo sentimental, inmobilismo do que, precisamente, a autora foxe. Cousa que se nota axiña en canto deixemos de considerar o discurso como un construto verbal ao que, curiosos, decidimos asistir como espectadores… e operamos co texto. Por exemplo, xa de inicio, contrastando o poético título, no que A Veiga é un referente espacial claro, co índice, que consta unicamente de nomes de lugar ingleses. Esta simple manipulación do discurso non obedece a ningún capricho lector, senón que tal suxestión nace do discurso, como un aviso de que ningún texto, e este menos, está completo sen que o lector opere nel. E lembrándonos, tamén, que neste discurso o uso da linguaxe acolle a dimensión poética (onde o significado das palabras nunca é sumativo), non séndolle exclusiva senón engadida, mais un engadido fundamental.

A lectura de A Veiga é como un tempo distinto lembrounos moito a de Cara a Times Square, de Camilo Gonsar. É raro, moi raro, que as personaxes tracen un destino, unha meta, para os seus actos, que planifiquen a vida, senón que se limitan a vivila, con máis ou menos inactiva, con máis ou menos ímpeto vital, pois todas son, en realidade, arrastradas pola corresnte da vida. E a novela é como un retrato verbal dese arrastre. O retrato que nos pinta Gelo, personaxe en idade madura, non un mozo, a quen a vida lle pon diante a oportunidade de marchar a Londres e faino. A novela vai ser precisamente esta experiencia, contada desde as relacións que estabeleza na capital inglesa, sobre todo cunha personaxe clave: Elisa-Louise-Liz, cuxo troco nominal insinúa temática da despersonalización, da necesidade de matar a personalidade vella ou que traían para ascender na escada social londiniense.

Toda a novela é unha sucesión de insinuacións, de temas que a autora deixa aí como motivos de reflexión, como o xa mentado ou a importancia das ausencias e o valor da lembranza ou a desinhibición como fórmula de liberación ou o cotián como xerme de futuro. Máis importante que o que ás personaxes lles aconteza é a reflexión a que isto dá lugar. Igual que, para a autora, máis importante que a novela é, con seguranza, o proceso reflexivo-poético-humano-vindicativo que desencadeou a súa escrita, a escrita dunha novela que mobilizou frebas sentimentais ou melancólicas xunto a outras históricas e aínda máis outras relativas á primeira evolución/nacemento da conciencia feminina. E, se así foi para autora, así debe ser para o lector.

Do dito derívase o carácter, a personalidade singular de A Veiga é como un tempo distinto como unha novela de fondo contido humano, un contido que nace do propio discurso da novela e se materializa na mente de cada lector, un lector que debe estar antento a cada acontecemento na vida dunha galería de personaxes variada, composta de formas de ser moi diferentes e en contraste e aliaxe, ao acontecemento e a súa resposta. Aínda que estes acontecementos se insiran dentro da esfera do cotián, non sexan nada espectacular. Ou aínda que, sendo transcendentes (velaí o fenómeno musical Beatles, Monkees, Twiggy…, velaí o nacemnto do feminismo, velaí o contraste coa afogante atmosfera franquista, velaí o apuntado estudo sobre a construción da personalidade…) se insiran con toda natutralidade dentro do cotián. Polo que nada raro parecerá se se di que a novela provoca segundas lecturas, aínda que só sexa para certificar esas insinuacións e recapacitar sobre a súa importancia na vida, ou que, por todo isto, resulta unha novela nada doada de esquecer. Seguramente así pensou o xurado do premio Terra de Melide 2010, pois foi a escollida como vencedora esta de Eva Moreda na que as personaxes procuran o seu lugar no mundo, consciente ou inconscientemente. Conformando un discurso híbrido que conxuga unha óptica óptica poética cos valores propios da narrativa, nun discuro escrito sen alardes que humilde e efectivamente move a complicidade lectora…

Xosé Manuel Eyré

Comentarios pechados