Menu Xerais

Crónica de Jaureguizar sobre o libro de Aníbal Otero, a maior autoridade lingüística do 36, biografada por Alonso Montero

Jaureguizar publica en El Progreso unha reportaxe sobre o libro Aníbal Otero. Lingüística e política en España na Guerra Civil e no franquismo, de Xesús Alonso Montero, que se presentou o pasado mércores en Lugo. Reproducímola integramente:

Alonso Montero di que a guerra truncou a carreira de Aníbal Otero

O profesor presentou a súa investigación sobre o lingüísta de Ribeira de Piquín

LUGO. O profesor Xesús Alonso Montero asegurou onte, en referencia a Aníbal Otero, que «a Guerra Civil truncou unha vida profesional importante». Alonso Montero presentou o seu ensaio ‘Aníbal Otero. Lingüística e política en España na Guerra Civil e no franquismo’, que publicou Xerais.
O estudoso da lingua e a literatura galegas afirmou sen dubidar que o investigador de Ribeira de Piquín «era a maior autoridade en lingüística galega no ano 1936 a pesar de que na altura non rematara a carreira de Románicas». Engadiu que «sabemos que lle faltaban algunhas asignaturas, pero non sabemos as que eran porque os arquivos da universidade Complutense arderon como consecuencia da guerra».
O feito extraordinario de ser o maior experto en materia de lingua ten o seu atenuante, matizado polo autor do libro, de que «daquela ninguén sabía tanto coma el porque a facultade de Filosofía e Letras de Santiago non tiña unha sección de Románicas, polo que el, coma min e logo outros como Xosé Luís Méndez Ferrín, tivemos que marchar a Madrid para estudar».
Alonso Montero, que analizou «os 207 folios da causa contra Aníbal Otero, entre as que hai cartas de Menéndez Pidal ou Navarro Tomás», explica que no momento de estoupar a contenda civil, o ribeirense estaba participando na elaboración do Atlas Lingüístico da Península Ibérica, unha investigación «que dirixía honorificamente Menéndez Pidal, pero na práctica quen se encargou foi Navarro Tomás». O equipo estaba formado por cinco filólogos e a encarga que lle fixeron ao ribeirense
consistía en recoller información da lingua en Galicia e no norte de Portugal.
Aníbal Otero instálase en Valença do Minho para traballar no norte luso, onde o sorprende a sublevación militar. «Daquela o goberno salazarista tiña relacións co goberno legal, que era o único que había, o da República», apunta o investigador. Esa situación non evitou que as autoridades portuguesas atendesen á reclamación da policía de obediencia franquista pois desconfiaban daquel galego que andaba entrevistando aos labregos. Rexistraron o seu cuarto no hotel «onde atoparon unhas anotacións linguaxe crítptica, que non era outra cousa ca unhas transcricións fonéticas», que eles tomaron por apuntamentos propios dunha espía.
Alonso Montero recoñece que «máis comprometadora foi unha carta á nai que tiña a medio escribir na que lle conta que está ben e que non pensa volver a Galicia porque non quere loitar contra o exército dun goberno legal». « En todo caso, di que iría por Cáceres para loitar do lado da República», sinala o autor do libro, que suma ao feixe de probas contra o lingüista «unha carta do embaixador español en Portugal, Claudio Sánchez Albornoz». O profesor considerou pertinente advertir que «Aníbal Otero non era comunista, nin sequera era de esquerdas; era liberal conservador». A única particularidade que tiña era «o seu ateísmo».
Portugal entrégao aos franquista e un tribunal militar condénao a cadea perpetua. Cumpre cinco anos de cadea. O cárcere non lle resta folgos investigadores porque «pregunta aos compañeiros de cela como pronuncian as cousas. O alcalde de Mos, por exemplo, contaba que lles pedía que pronunciasen ‘xurelo’».
A saída da cárcere non valeu máis que para que entrase noutra porque «se enterra na súa localidade natal, Barcia, onde traballa como labrego, pero, sobre todo, como muiñeiro». Neses anos cáelle unha segunda desgraza.
Tras contraer matrimonio cunha curmá, nácelles un neno con problemas físicos graves, «que o converte nun vencido da vida», en palabras de Alonso Montero. Nos anos 50 retoma a súa investigación durante un tempo, pero o material que produce queda inédito.
Na presentación, o autor estivo acompañado polo editor, Manuel Bragado, e máis polo decano da facultade de Humanidades de Lugo, Alexandre Veiga. O acto desenvolveuse na galería Sargadelos.

Jaureguizar

Comentarios pechados