Menu Xerais

De axuda para elixir lecturas: «Inmigración/Emigración na LIX», da Rede Temática de Investigación LIJMI. Crítica de Rodríguez Alonso

Manuel Rodríguez Alonso publicou no seu blog, Bouvard e Pécuchet, unha recensión crítica sobre o libro Inmigración/Emigración na LIX, de Rede Temática de Investigación LIJMI, coordinado por Blanca Ana Roig Rechou, Isabel Soto López e Marta Neira Rodríguez.

 

A emigración/inmigración na literatura infantil e xuvenil

A produción de literatura infantil e xuvenil comeza realmente cando no século XIX o Estado pase a desempeñar un papel preponderante na educación de nenos e nenas a través da institución escolar. A Revolución francesa impón como tarefa ao Estado a de formar cidadáns e cidadás e non fieis a unha determinada relixión. Velaí o impulso definitivo para o xurdimento da literatura infantil e xuvenil, sempre ligada a transmisión, dígase o que se diga, de determinados valores, que eran, fundamentalmente, os valores que lle interesaban ao Estado ou os que se consideraban politicamente correctos. Abonda para isto con ver a relación no século XIX en Francia, entre a editorial Hachette e o Ministerio de Educación francés. Por iso, nos nosos tempos en que obras da chamada literatura infantil e xuvenil é prescrita en moitas ocasións ao alumnado por mestres e mestras, non podía faltar o tratamento do tema da inmigración/emigración ou a convivencia de culturas diferentes sempre no ámbito do chamado politicamente correcto.

Nos últimos tempos, especialmente nos inmediatamente anteriores á actual crise, as aulas dos nosos colexios e institutos comezaron a acoller un alumnado procedente de moi diversos países e culturas: latinoamericanos, musulmáns, do antigo bloque soviético, chineses… A convivencia dentro das aulas non sempre foi doada, digan o que digan os que sempre defenden o politicamente correcto. Concidiu esta chegada de alumnado estranxeiro coa entrada en vigor da LOGSE que ampliaba a educación obrigatoria ata os dezaseis anos e implantaba nos institutos a ESO. Malia todo o que se diga desde o politicamente correcto, foron estes anos moi difíciles no ensino público. Os institutos tiveron, sen que o profesorado recibise ningún tipo de preparación para iso, centos de alumnos e alumnas que non querían estudar, que estaban á forza nas aulas. A iso sumábanse o alumnado procedente da inmigración, con pautas lingüísticas e culturais moitas veces totalmente diferentes das de aquí. Son os anos en que o profesorado fuxía de impartir a ESO e se refuxiaba no Bacharelato. Non esquezamos que aos institutos ata a implantación da LOGSE só acudían ata os setenta-oitenta os que aprobaban o Ingreso e despois os que obtiñan o título de superar a EXB.

Está por facer, dun xeito obxectivo e fuxindo do politicamente correcto, a historia da evolución dos institutos tras a implantación da LOGSE e do ensino obrigatorio ata os dezaseis anos. O ensino público foi quen asumiu o alumnado con problemas de aprendizaxe, mentres que o goberno do PSOE consagraba coa LOGSE as subvencións á privada. Moitos pais e nais querían fuxir dos centros públicos, porque coidaban que a convivencia dos seus fillos e fillas cun alumnado que presentaba problemas de aprendizaxe os podía prexudicar. Mesmo algúns chegaron a falar dos institutos públicos como aparcadoiros de adolescentes. Cumpriría debater sobre isto e como a dobre rede pública-privada (e esta subvencionada) prexudicou gravemente o ensino público.

Nesta situación florece e desenvólvese na literatura infantil-xuvenil o tema da inmigración-emigarción, que analiza este libro. Como se pode ver son moitos os títulos nas distintas literaturas penínsulares que abordan o tema no eido da narrativa infantil-xuvenil. Por iso, parécenos moi valioso que os colaboradores/as deste volume analicen e valorenn distintos relatos deste tema na nosa literatura e mais nas do noso contorno cultural. Así fornecen o profesorado dunha boa guía para prescribir e comentar lecturas sobre a emigración-inmigración.

Ocúpanse deste tema na literatura infantil e xuvenil galgea V. Casais Vila, M. Fernández Vázquez e mais A. Rozas Arceo, que aconsellan distintas narracións divididas nos apartados emigración/inmigración. O artigo parécenos de grande utilidade para que o profesorado poida programar, con obxectividade, os criterios de selección das obras que pode recomendar ler ou mesmo comentar na clase sobre o tema da emigración/inmigración referidas a Galicia e escritas orixinalmente en galego. A seguir distintos artigos tratan como se desenvolve o tema emigración/inmigración nas literaturas xuvenís vasca, castelá, catalá, portuguesa, brasileira…

A seguir, a obra comenta 23 obras que teñen como tema a migración/inmigración: quince ibéricas, seis ibeoramericanas e catro inglesas. Coa lectura desta sección o profesorado terá unha axuda moi boa para elixir obras que queira propor como lectura ou mesmo para comentar textos delas na clase.

En fin, obra que, malia a súa aparencia de investigación pura e dura, ten un valor innegable, sen perder nin un chisco de calidade científica, para que o profesorado poida programar para o alumnado lecturas e comentarios de obras do que se dá en chamar literatura infantil e xuvenil que teñen como tema a emigración/inmigración. Ten que figurar este libro na biblioteca de todos os departamentos de lingua e literatura dos colexios e institutos. Tamén resulta de consulta obrigada para profesores e profesoras que impartan Lingua e Literatura en Primaria e mais na ESO. E isto coido que é o mellor que se pode dicir dun libro deste tipo.

Manuel Rodríguez Alonso

Comentarios pechados