Menu Xerais

Primeiras novidades Xerais de 2014

Co inicio do ano Xerais anuncia a publicación das primeiras novidades de 2014 das coleccións Narrativa, Crónica, LibroX, Fóra de Xogo, Sopa de Libros e Merlín.

O 21 de xaneiro chegarán ás librarías os dous primeiros títulos de Xerais Narrativa, as novelas Sete Caveiras de Elena Gallego Abad e Os Gotten de Alfonso Álvarez Cáccamo. A finais do mes de marzo publicaranse na colección outras dúas novelas Os santos nunca dormen de Teresa González Costa e a recuperación para o catálogo de Xerais d’ O sangue dos camiños de Ramón Caride Ogando.

Tamén o 21 de xaneiro aparecerá nos andeis libreiros Novos pasos por Bretaña, libro co que Pemón Bouzas abre a serie de «Viaxes» da colección Crónica. No mes de marzo, dentro da mesma colección, na serie «Memoria», Ana Acuña publicará Conciencia política e literatura galega en Madrid (1950-2000). Na colección de libros de referencia publicarase en xaneiro Rosalía de Castro, imaxe e realidade, ensaio de Fernando Pereira Bueno co que Xerais celebrará a efeméride rosaliana do 24 de febrero. Na colección LibroX de non ficción na primeira semana de marzo publicaranse O polbo e a súa cociña de Matilde Felpeto e A alternativa xa está aquí, un libro de ensaio de María Reimóndez.

No que atinxe as coleccións infantís e xuvenís, as primeiras novidades de 2014 aparecerán no mes de febreiro. Serán as novelas Ámote Leo A. 2. Estación tránsito, segunda entrega da serie de novelas de viaxes de Rosa Aneiros;  Vapor, a novela romántica de Lea Tobery, alcume literario de Pere Tobaruela; e dous títulos na colección Fóra de Xogo,  a novela de Ledicia Costas Recinto Gris e poemario de Carlos Negro Penúltimas tendencias. Tamén en febreiro publicaranse dous novos títulos de Sopa de Libros, Emilia Pardo Bazán. Unha nena seducida polos libros de Maria Xosé Queizán e As viaxes de Ruki de Ramón Caride. Xa no mes de marzo dentro da colección Merlín publicaranse Volvo! O regreso de Usha de María Reimóndez, Soños de mar de X.H. Rivadulla Corcón, O fío vermello de An Alfaya e a biografía e antoloxía de Xosé María Díaz Castro preparada por Óscar Sánchez. Por último, a finais de marzo, tras varios anos de traballo, aparecerá O gabinete de curiosidades de Arxentino Rocha de Irene e Ricardo Pérez Pintos, un libro moi orixinal e coidado co que Xerais celebrará o 2 de abril, día do libro infantil e xuvenil.

 

Comentarios pechados