Menu Xerais

Unha nova colección: LIBROX

LIBROX é a nova colección de Xerais, unha colección versátil, flexible, dinámica e a prezos asequibles que agroma para facilitar o acceso ao libro e á lectura en tempos de crise. Os libros X serán libros con vocación de conectar cos lectores, de abrir novos ocos, libros para levar a man, para divertirse, para consultar…

Os dous primeiros títulos da colección son o Dicionario humorístico indignado Do G ao Z, de Manuel Veiga e Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez, de Carlos Callón.

Do G ao Z, de Manuel Veiga, é un dicionario humorístico e indignado que comeza pola letra «G» e no que se van definindo, con moita retranca, palabras que teñen que ver coa actualidade, coa política, coa cultura e coa historia, sempre cun enorme sentido de humor. Galicia, a Guerra Civil, o humor, a humildade, intelectual, Lenin, libraría, Manuel Fraga, misoxinia, O amante de Lady Chaterley, a política, a publicidade, o Quixote, o racismo, ravachol, Santiago, travestí, Vigo, watergate ou Zapatero son algunhas das palabras definidas neste dicionario agudo, divertido, desenfadado e indignado co que Manuel Veiga pon o dedo na chaga da sociedade actual.

No libro Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez, escrito por Carlos Callón, ofrécense consellos, de xeito desenfadado e mediante anécdotas, para darmos o paso de usar o galego e para mellorarmos a nosa calidade lingüística, desbloqueando os prexuízos e medos aprendidos e asumindo que os problemas con que nos encontramos moitas veces non son de orixe gramatical, senón social. É un libro práctico escrito polo presidente da Mesa pola Normalización Lingüística.

Comentarios pechados