Menu Xerais

Destacar nun mundo reservado para os homes: «Emilia Pardo Bazán. Unha nena seducida polos libros», de María Xosé Queizán. Crítica de Paula Fernández

Paula Fernández publicou nas páxinas do «Faro da Cultura», de Faro de Vigo, unha recensión crítica sobre Emilia Pardo Bazán. Unha nena seducida polos libros, de Mª Xosé Queizán.

 

 

Imaxes de Dona Emilia

Valorada e denostada

María Xosé Queizán (Vigo, 1939) achéganos con Emilia Pardo Bazán. Unha nena seducida, polos libros unha biografía da autora coruñesa pensada para escolares que por primeira vez se achegan á figura desta escritora, unha muller que, sen se vestir de home, destacou nun mundo que daquela entre os séculos XIX e XX estaba reservado para os homes.

Dende un percorrido pola época que describe o momento que lle tocou vivir a Pardo Bazán; a situación da muller, a Galicia do momento e as notables diferenzas entre clases, Queizán reconstrúe a súa vida dunha maneira atrente e suxestiva para o alumnado de primaria, preséntaa como unha nena divertida e apaixonada pola lectura. A literatura é un dos motores que move a súa vida e o seu esforzo e perseveranza lévana a ocupar un lugar de importancia dentro das letras.

Pero, sobre todo, a autora salienta a Dona Emilia precursora do feminismo en Galicia, unha muller sabedora de que era quen de facer calquera cousa igual ca un home. Non entra no tema da lingua nin tampouco no ideolóxico, que, de seguro, darían para un moi bo debate.

Completan este libro moi axeitado para a educación primaria as ilustracións de Ana Santiso, unha escolma de textos traducidos ao galego e unha cronoloxía que permiten un achegamento a unha autora ás veces valorada, ás veces denostada.

Paula Fernández

Comentarios pechados