Menu Xerais

Disparos ao aire por unha solvente trama policial: «A ira dos mansos», de Manuel Esteban. Crítica de Diego Ameixeras

O escritor Diego Ameixeiras publicou no suplemento Fugas de La Voz de Galicia unha recensión crítica sobre a novela A ira dos mansos, de Manuel Esteban, obra gañadora do Premio Xerais de Novela 2016.

 

 

O país do cromosoma extra

Durante anos foron chamados mongólicos ata que un delegado de Mongolia na ONU, en 1965, elevou unha protesta. Dende aquela, son homes e mulleres con síndrome de Down, epónimo elixido en honor ao médico inglés John Langdom Haydon Down, pioneiro no estudo científico dunhas persoas sobre as que a aínda seguimos derramando prexuízos incomprensibles. Non son enfermos. Sen precipitarse en sentimentalismos ou en certas intencións didácticas, alguén poderá pensar na dificultade que supón armar unha novela que poña o enfoque nas barreiras que erguemos diante dos habitantes desa Nación Down, territorio onde a normalidade consiste en nacer cun cromosoma de máis. De certo que ten que ser complicado. Pero ocorre que o vigués Manuel Esteban, na súa estrea narrativa, sae indemne da xogada e obra o miragre da fascinación revelando un espazo emocional cuxa existencia ignoraba o protagonista desta A ira dos mansos, de maneira que acompaño na viaxe a un inspector de policía coa sensación de que me están a guiar por un mundo onde resplandecen estraños prodixios. Así se nos explica no epílogo: “Igual que nos contos fantásticos, coñecelos é atravesar o fondo dun vetusto armario ou dun espello azougado e arribar a un terra estraña e marabillosa na que se subverten todos os principios que criamos inmutables e universais”. Este itinerario que nos propón Manuel Esteban e a súa solvente trama policial merecen varios disparos ao aire.

Diego Ameixeiras

Comentarios pechados