Menu Xerais

Do mellor publicado no 2017 que remata: «A nena do abrigo de astracán», de Xabier P. DoCampo. Crítica de Berta Dávila

A escritora Berta Dávila publicou no xornal dixital Praza Pública unha recensión crítica sobre a novela A nena do abrigo de astracán, de Xabier P. DoCampo. (Foto de José Manuel Casal / La Voz de Galicia).

Decembro de libros: «A nena do abrigo de astracán»

Que Xabier P. Docampo é un narrador de raza é algo que non pode ser sorpresa, nesta altura, para ninguén. Digo narrador de raza porque pertence a ese tipo de monstros literarios que semellan saber contar coma se fose consubstancial ao propio feito de estaren no mundo. Aínda que haxa detrás de cada palabra a precisión de moitos anos de oficio e traballo ben feito, hai narradores (poucos) capaces de convencer ao lector de que cada historia contada non é o froito dunha vontade intelectual senón unha traducción á palabra escrita dunha especie de forma natural preexistente da propia historia, coma se esta xa estivese destinada a unhas palabras e a unhas frases concretas, que un escritor hábil é quen de adiviñar. Algo así escribiu Cortázar: que as historias que merecen ser contadas están en realidade xa escritas nalgún lugar e a labor do escritor é poñelas en palabras no papel.

Pero non só. Hai nesta novela, A nena do abrigo de astracán, moito máis e máis complexo. É envexable ese pulso para medir o que debe revelarse agora e o que debe explicarse despois, a xestión modulada dos climas, o corpo dos personaxes, a posta en escena  das súas accións. Umberto Eco dixo nunha ocasión que escribir unha novela é crear un mundo e logo amoblalo. Aquí hai un mundo enteiro, unha vila, a de Ribadeínsua, envolta nunha néboa opresiva na que o peso do silenciado consome cada suspiro de aire limpo. Nela, o personaxe luminoso e intelixente de Susana asiste a sucesos que a conmoven ás veces e a desacougan outras, cuestionándose cunha outra ollada, revolucionaria no sentido humano, o devir da vida aparentemente normal, o que rodea á morte e á condición acalada de vencedores ou vencidos neste submundo vilego de postguerra.

Co referente do cine como pano de fondo continuo, o xogo narratolóxico do libro dá boa conta do oficio do autor que comentabamos antes. Entramos na novela coas claves dunha omnisciencia parcial e rematamos aceptando con naturalidade un narrador-lugar que é testemuña e actante. Deste xeito, resulta especialmente hábil o cariz non moralizador do narrador que, non obstante, non agocha ningunha pretensión de ser neutral cos conflitos, senón que deita ideas que traslucen para o lector, sen provocar, non obstante, ese tipo de sobreexposición panfletaria na que doadamente caen outras novelas e que limita lecturas literarias. O relato calmado dos feitos que asume esta voz narrativa denota unha forma de vida análoga ao suceder dos tempos en Ribadeínsua, onde non hai acubillo para as urxencias. Iso, sumado á calidade dos rexistros dos personaxes, que posúen unha voz de seu, como integrantes dun mundo que estivese vibrando nalgún lugar e nalgún tempo, fan deste libro dos mellores entre os publicados neste 2017 que remata.

Berta Dávila

Comentarios pechados