Menu Xerais

Dous libros para lectores a partir de 9 e 11 anos: «O corazón da maxia» de Xavier Estévez e «Rubicundo», de María Canosa

O blog Rede Lectura, da Asesoría de Bibliotecas Escolares, publicou unha anotación sobre O corazón da maxia, de Xavier Estévez, e Rubicundo, de María Canosa.

 

Dous libros para lectores a partir de 9 e 11 anos

Rubicundo de María Canosa, vai dirixido aos máis pequenos. Trata da relación entre un vello e unha nena moi curiosa, tanto que non para ata adiviñar o que fai Rubicundo cada noite cando sae da casa, montado nunha bicicleta enriba da árbore do seu xardín. Non deixará de sorprendernos o oficio deste home e o final, un final de afectos e esperanza. Esta obra, ilustrada por Nuria Díaz, resultou finalista do premio Merlín, na súa última convocatoria.
O corazón da maxia de Xavier Estévez e ilustrado por Santi Gutiérrez, remítenos a ese mundo paralelo (que tentamos descoñecer) dos nenos e nenas enfermas e hospitalizadas.
A protagonista ten unha enfermidade grave, que toma con moita filosofía. Ela reparte alegría pola planta do hospital tan pronto se atopa con algo de forza. O tempo compartido con outra pequena na habitación e a necesidade de contarlle un conto para defendela do medo, dan lugar a unha historia que camiña ao par da real, e na que dúas rapazas parten na busca dos dragóns para salvar as aldeas. Porque os dragóns fan que o mundo continúe sendo como sempre foi, achegan a seguridade de que nada malo vai pasar e hai que rescatalos, estean onde estean… e nesas andan as nosas rapazas.

Comentarios pechados