Menu Xerais

Elevadas doses de imaxinación e sensibilidade: «A cazadora de estrelas», de María Canosa. Crítica de Ramón Nicolás

O crítico e escritor Ramón Nicolás publicou en Caderno da crítica unha recensión sobre a novela infantil A cazadora de estrelas, de María Canosa, ilustrada por Dani Padrón.

«A cazadora de estrelas», de María Canosa

Resoa Rubicundo na miña memoria ao acabar de ler este novo A cazadora de estrelas, de María Canosa, acompañado coa excepcional e suxestiva lectura visual a cargo de Dani Padrón que, ademais, foi finalista do Premio Merlín de Literatura Infantil dous anos consecutivos. E resoa porque porque este novo libro da autora ceense segue transitando polos mellores acertos da devandita proposta como son as elevadas doses de imaxinación e sensibilidade, pola fluidez narrativa e por esa procura incansable do punto xusto entre ciencia e ficción. Pero ademais deseña agora, se cadra con maior fe, un mundo fantástico a través das aventuras dunha personaxe afouta, solvente e atractiva chamada Megumi: unha excepcional cazadora de estrelas, unha magnífica tiradora e amazona envexable mais, sobre todo, un exemplo de dignidade e de ética pois para abrazar estes valores, evidentemente, non hai idades.

É, así pois, Megumi, quen nos conduce por unha trama ben dosificada onde non faltan reviravoltas argumentais ben solventadas e entrecruzadas como as corruptelas e outros males da condición humana que asexan ao insubornable proceder da protagonista. Todo isto fai deste libro unha proposta fresca que convido vivamente a coñecer. Non sei ben a razón pero xa estou vendo a Megumi como un personaxe que se vai querer moito e, talvez, enriba dun escenario.

Ramón Nicolás

Comentarios pechados