Menu Xerais

Emma Pedreira: «As cartas levan o peso da historia, funcionan como catalizador da acción e como espiña dorsal da novela». Entrevista no «Praza Pública» sobre: «Os corpos invisibles»

O xornal Praza Pública publicou unha entrevista de Montse Dopico á escritora Emma Pedreira sobre o libro: Os corpos invisibles, publicado por Xerais na colección Fóra de Xogo. O libro gañou o Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil, 2019 – Premio Fervenzas Literarias ao Mellor Libro Xuvenil do 2019 – Premio Gala do Libro Galego 2020, Xuvenil (Imaxe: Fotomontaxe sobre Emma Pedreira – Verónica Ramilo – Praza Pública).


Emma Pedreira: “Como escritora estou interesada nos grandes temas universais, pero non me representa como están contados polos homes”

Mulleres “que non se comportaron en canto ao esperado e aceptado socialmente e que loitaron –e mesmo tiveron que abandonar unha parte de si mesmas, paradoxalmente- para acadar a súa completitude e redebuxarse como individuas”. Así son tanto as protagonistas de ‘As fauces feroces’ (Baía) como as de ‘Os corpos invisibles’ (Xerais), as dúas últimas novelas de Emma Pedreira. As primeiras, mulleres que saíron das marxes en relación ao definido socialmente como amor ou maternidade. As segundas, mulleres ás que quixeron privar do coñecemento e, con el, da liberdade. ‘Os corpos invisibles’, que gañara o premio Jules Verne de literatura xuvenil, vén de ser recoñecido tamén na Gala do Libro. A súa autora respondeu as nosas preguntas por correo electrónico.

 

Os corpos invisibles’ é tamén unha ficción construída a partir de personaxes reais, que son escritoras británicas. Máis en concreto, a partir da novela máis coñecida dunha delas. E toda a novela reivindica o dereito das mulleres a non seres negadas: como escritoras, como científicas… Por que quixeches contar unha historia de escritoras británicas naquel tempo? 

O libro xurdiu como unha encarga de ficción. Alguén me pediu unha historia de terror e ao principio o relato estaba composto só polas cartas, así que se trataba unicamente dunha relación epistolar entre unha desoñecida chalada e Mary (deixámolo así para non espoilear demasiado). Logo a novela foi medrando pero o período xa estaba decidido así que só foi ir construíndo arredor dese núcleo temático. O cronotopos xa estaba dado, a Inglaterra da revolución industrial.

O tempo é o do Londres da revolución industrial e, de fondo, ademais da desigualdade de xénero, está a brutal desigualdade de clase, e a esperanza de acabar con ambas, ou polo menos avanzar, desde o apoio entre mulleres. É unha constante na túa obra e non creo que sexa casualidade… Por que está tan presente?

Está presente porque non está presente –ou case- no resto da literatura. Como escritora estou interesada nos grandes temas universais como o amor, a morte, o paso do tempo e toda esa merda, pero non me representa como están contados polos homes, con estatismo, son supremacía, cunha ética que non nos conta ás mulleres ou nos deixa nun plano subsidiario, así que aí entra a voz das narradoras pola necesidade de volver contar a historia desde a nosa perspectiva e experiencia e, desde logo, o avance das mulleres está sementado sobre ese tecido en forma de rede que implica a alianza entre nós, a sororidade, a complementación. Nesta novela é máis explícita porque os movementos sindicais e sufraxistas tiveron que tecerse pechando aínda moito máis a urdime para que non houbese físgoas polas que perder folgos.

Tanto Prometea como L.C. son mulleres intelixentes e curiosas ás que a sociedade quixo vetar o acceso ao coñecemento. A ambas, por ser mulleres. L.C. teno ademais máis difícil por ser pobre. Pero tanto ela, como Prometea, e mesmo as nenas coas que fala L.C., atopan a maneira de acceder aos libros. Supoño que ese é o tema de fondo: o dereito ao coñecemento, que é unha maneira de chamar polo dereito á liberdade, e a non ser negada socialmente. Definiríalo así?

Absolutamente. Atopei hai pouco un lector que dicía que non deberiamos escribir sobre certas cousas e iso enfureceume. Debemos escribir sobre todo e quen ten que decidir sobre o que quere ler, aprender e coñecer é cada persoa por si mesma, pero que non se lle negue sistematicamente o acceso ao coñecemento. Pareceume unha barbaridade a proposta deste home a estas alturas do mundo. O dereito ao coñecemento e o acceso á información son sintomáticos dun estado de liberdade e de plenitude de dereitos. Mentres non todas as persoas poidamos facer un uso persoal e individual dos medios de coñecemento non poderemos dicir que somos libres e que non se nos condiciona a través de doseficarnos a información.

Prometea ten ademais unha discapacidade. Unha enfermidade descoñecida no seu tempo que podería ser E.L.A., ou quizais heteroplasia ósea progresiva. A historia que contas -a maneira na que ela procura salvarse, e ao mesmo tempo darlles o lugar que lles corresponde ás escritoras- non tería seguramente sentido sen esa discapacidade mais, como xorde este personaxe? 

Hai moi pouca voz para as persoas con disfuncionalidades ou diversidades físicas e psíquicas na nosa literatura e na literatura en xeral. Hai poucas protagonistas diversas (agora mesmo só me vén á cabeza a protagonista do libro de Alberto Ramos ‘A simetría das bestas’). Hai poucas persoas cegas, xordas, con dificultades motrices, da fala ou con doenzas que son do máis abondante na nosa realidade. Supoño que a literatura o que máis ten representado é o cancro e a súa supervivencia e que falta unha normalización de todos os corpos que non son hexemónicos e por tanto son invisibles (de aí o título).

Os corpos que non cumpren os cánones son agochados igual que se non podes atender o ritmo vertixinoso desta vida tes que botarte a un lado. É moi necesario que á literatura, que actúa como sementadora de opinión e de conceptos, chegue con normalidade o que é normal aínda que non normativo na nosa realidade. Fáltanme corpos mancados, asimétricos, incompletos, diversos, igual que me faltan realidades diferentes á convencional. Por que non comezar por presentar unha protagonista cunha discapacidade física evidente e outra cunha interrogante sobre a súa conciencia de xénero?

Os corpos invisibles’ ten unha estrutura máis lineal e sinxela que ‘As fauces feroces’ ou que ‘Besta do teu sangue’ (escrita de xeito semellante a ‘As fauces’), pero comparte o recurso ás cartas, que son moi importantes no desenvolvemento da historia. As cartas unen, ademais, a mulleres de distintos tempos históricos. Por que contar a historia deste xeito? 

Ao estar escrita para un público máis novo, se cadra menos familiarizado coa poesía, coa experimentación textual, decidín facer unha estrutura máis ao uso. Tamén para contar unha historia que mestura realidade histórica e ficción érame preciso non enlear moito as cousas. Como xa contei, todo xorde das cartas e foi construído darredor e os únicos saltos que hai son entre Prometea e L.C. para que fose doado entender a cabeza e a realidade de cada unha delas. As cartas levan o peso da historia, funcionan como catalizador da acción e como espiña dorsal da novela.

Os corpos invisibles’ ten tamén certa conexión con ‘As voces ágrafas’: precariedade e abuso laboral unido ao machismo. E, como en ‘As voces ágrafas’, os personaxes masculinos tenden a responder a estereotipos masculinos (quizais Percy non tanto, sen deixar de ser un home do seu tempo). Por que?

Igual que non me interesan as cousas, situacións e personaxes convencionais e estándar, tampouco me interesan as personaxes masculinas tipo se non é para confrontalas cos femininos e que xurdan a comparativa e o pensamento crítico. Nas voces ágrafas hai poucos homes, igual que hai poucos homes nun supermercado facendo labores subalternas, polo normal están emprazados nos lugares de poder (vixilancia, contabilidade, recepción) e as mulleres realizan as labores que sempre se lles atribuíron ás mulleres como resultado dese prexuízo do século anterior –se cadra aínda máis do anterior- de que as mulleres teñen menos formación académica que os homes.

En ´Os corpos invisibles os poucos homes que aparecen representan por unha banda o patriarcado e por outra as novas masculinidades. O doutor Percy está escollido para representar os coidados e o poder represéntao Prometea, que verque sobre el a autoridade, o coñecemento e a guía igual que nunha obra das mesmas características e da mesma época faría á inversa. Non me preocupa en absoluto dar conta de personaxes masculinos ao uso, están aí e só temos que ler calquera outra ficción, a min interésanme as mulleres e, aínda máis, as persoas diversas e diferentes, dispostas a mudar o canon. E isto non só na ficción.

Besta do seu sangue’ é unha ficción feita sobre un personaxe real e con moita documentación. Sen chegar a un traballo de documentación tan grande, tamén a ambientación de ‘Os corpos invisibles’ é bastante realista, aínda sendo unha historia de ficción montada a partir dun libro de ficción. Como preparaches ese aspecto?

Se cadra a Os corpos foron parar todas as miñas lecturas, filmes, viaxes e experiencias anglófilas dos últimos tempos e, na miña cabeza todo fixo bóla e retratou unha sociedade moi allea a min pero moi querida. Interésame moito a época vitoriana polo que tivo de representativo o poder dunha figura como a da Raíña Vitoria de Inglaterra.

Tamén os movementos femininos que se deron no estenso período vitoriano son determinantes para a historia do feminismo e da humanidade en xeral. As artistas desta época recuperaron a memoria das predecesoras e deixaron aí un continuum de pensamento e acción que é moi fértil para nosoutras nestes días. Sen todas as autoras que Prometea “rescata” en Os corpos, non teriamos unha historia da literatura completa e polo tanto a invisiblización dos corpos, coñecidos e anónimos, sería aínda maior.

 

Enlace á entrevista completa

Comentarios pechados