Menu Xerais

Entrevista a Héctor Carré, Premio Fundación Caixagalicia 2011: «Descubrín que o tempo do volframio era máis apaixonante do que pensaba»

O Xornal de Galicia publica unha entrevista de Alberto Ramos con Héctor Carré, gañador do Premio Fundación Caixagalicia 2001 de Literatura Xuvenil con Febre. Reproducímola integramente:

Héctor Carré: “A liberación da muller é un dos feitos máis importantes da sociedade”

O autor gaña o Premio Fundación Caixa Galicia con ‘Febre’, unha historia do volframio

O escritor e cineasta Héctor Carré (A Coruña, 1960) vén de gañar o V Premio Fundación Caixa Galicia de Literatura Xuvenil de Xerais coa obra Febre, unha historia que se enmarca nos tempos do volframio. A historia, localizada en Noia, retrata a chegada de Carmucha, unha moza familia acomodada e cun forte carácter. Vendo as inxustizas que se producían na súa contorna, deixa o seu traballo como profesora na Sección Feminina para converterse en estraperlista de volframio para conseguir cartos e construír unha escola para prostitutas.

Por que escolleu Héctor Carré a historia do volframio para participar neste certame e achegarse ao público xuvenil?

En realidade, non escollín o tema para un público xuvenil. Cando era pequeno, aló nos setenta, escoitaba moitas historias dos “tempos do volframio”. Esa frase convertíase nunha especie de “había unha vez” e, detrás dela, podía vir calquera cousa, podían pasar as aventuras máis extraordinarias. Realmente era falar dunha película do oeste que pasaba en Galicia. Sempre tiven esa idea na cabeza e , cando quixen investigar no asunto, descubrín que era máis apaixonante do que pensaba. Pareceume ben escribir una historia de aventuras e como a protagonista era unha rapaza nova, decidín presentalo a ese premio. Pero non fixen ningún exercicio para escribir para xente nova.

Define esta obra como un western moderno…

Si, a diferenza dun western moderno dun antigo é que nos antigos, eses dos primeiros anos do século XX até os setenta, os heroes non tiñan ningún tipo de dobreces. O heroe loita por unha causa xusta contra un inimigo totalmente malvado. No western moderno, o heroe non está exento de culpa. Por exemplo, en Unforgiven (Sen Perdón), o heroe é un tipo que foi malvado. Agora loita por unha causa xusta, pero non ten problemas en ir máis aló da raia. Non son tempos dos heroes; é outra historia, non se queda nunha visión de bos e malos. Na perspectiva moderna do western, as personaxes son diferentes e non teñen unha dimensión arquetípica.

Estamos a falar de culpa. Naqueles anos do volframio, Galicia vivía unha época escura e quizais de culpa por todo o que acontecía e o intercambio cos alemáns en plena guerra?

Non o penso así. O que ocorría era que a xente podía gañar cartos e vendían o que tiñan para vender. Non me parece culpable; quen tiña a culpa eran os que fixeran a guerra antes e os que estaban a facela nese momento. Os que buscaban o volframio era xente de moitos tipos. Había xente da aldea que ía á mina e logo había señoritos ligados ao réxime, que eran os que distribuían o volframio entre os alemáns. Había xente con máis culpa ca outra. Pero realmente eu penso que non eran tempos de culpa, realmente era unha época na que a xente se quería divertir. Era unha época de fiestra á alegría, de luz, despois de todo o que pasara coa guerra. Foi un momento bastante extraordinario… Nos sitios onde había volframio corría diñeiro como nunca correra.

Un dos puntos destacados do argumento son as relacións entre pai e filla. Como se realiza ese retrato neses tempos do volframio?

As relacións familiares, dun pai e dun fillo, son hoxe as mesmas que as de hai 30 anos, 50 ou 150 anos. Se les a Goethe, xa falaba do mesmo. Ou Víctor Hugo. O que eu quería retratar era unha relación entre pai e fillo, utilizándoa como metáfora de xeito que a rapaza nova está a buscar a súa independencia e a liberación da tutela paternal. Eu penso que a liberación da muller é un dos fenómenos, dos feitos máis importantes da nosa sociedade. E esa busca por liberarse da tutela masculina levou séculos. Esa función é a que cumpre a relación persoal neste libro. As relacións persoais son sempre os focos fundamentais dunha historia, din que a historia dunha película sempre é a historia do que lles pasa a uns personaxes. Se non lles pasa nada, non hai película. Podes poñerte a contar mil aventuras pero se non hai vivencias, non hai historia.

Como cineasta, está a rematar a súa nova película, Personal movie. Tal como están as cousas, resulta moi difícil realizar un filme en Galicia?

Hoxe en día resulta moi difícil financiar as películas, as recadacións en sala diminúen constantemente. A xente vai menos ao cine, hai outras formas de ver películas. Dese xeito complícase a loita contras as grandes multinacionais, que copan aínda máis os mercados. Ademais, as televisións pagan menos por dereitos de emisión. Isto obriga a facer películas con menos cartos, é o que queda. Non se poden facer só películas caras, hai que facer tamén as baratas.

Alberto Ramos

Comentarios pechados