Menu Xerais

Entrevista a Xavier Queipo: «Analízome parcialmente a través dos meus personaxes»

O Atlántico Diario publicou unha entrevista de Ana Baena con Xavier Queipo a raíz da publicación de Extramunde, Premio Xerais de Novela 2011.

«O meu é a psicoanálise permanente, analízome parcialmente a través dos meus personaxes»

Francisco Javier Vázquez Álvarez (Santiago, 1957), máis coñecido como Xavier Queipo, celebrou onte no Museo do Mar os seus vinte anos adicado ao mundo da literatura. Manuel Bragado, Quico Cadaval, Anabel Gago, Olga Cameselle, o dj Mr. Choc e o propio Queipo participaron no espectáculo. Unhas horas antes, sentado nunha praza da cidade, descubríu a súa faciana máis oculta.

Xavier Queipo, onte no Museo do Mar.

—O Premio Xerais de Novela é un bo agasallo para estes 20 anos?
Os premios teñen varios compoñentes. Está o económico, que ven moi ben, sobre todo o de Xerais que é o máis alto en lingua galega con 25.000 euros. Pero tamén está a visibilidade que dan ao libro. Fai que un escritor que vive no estranxeiro dende hai 23 anos e que non podo acudir ás comidas e encontros, poda figurar.

—Para un escritor é necesario formar parte da vida social?
É importante porque podes falar coa xente, comunicarte cos compañeiros e planear colaboracións. Agora hai un explosivo interese por unha persoa que leva 20 anos traballando.

—Qué supón escribir en galego e vivir no estranxeiro?
Eduqueime en castelán. Son da xeración de Antón Reixas ou Manolo Rivas. Cando eu cheguei a Bélxica pensei que non tiña que perder o galego. Así na miña vida cotiá falo francés e inglés; pero para escribir uso o galego, que é a lingua que se fala na miña casa en Bruxelas.


—Leva 20 anos como escritor pero algo que combina coa súa formación como médico e biólogo

Non é difícil. Estes estudios déronme base técnica dabondo para traballar nunha institución europea de 8.30 a 19 horas. Despois boto o pecho e adícome a escribir, a reflexionar sobre o papel en novela e contos. Tamén estou nun colectivo poético en Bruxelas co que gañamos o Premio do Libro Europeo.

—De que reflexiona ao escribir?
Axúdame a desconectar. É un psicoanálise permanente, analízome parcialmente nos personaxes. Consigo o equilibrio, e son do 50% que non tomo tranquilizantes.

Ana Baena

Comentarios pechados