Menu Xerais

Entrevista con Dionísio Pereira sobre «Loita de clases e respresión franquista no mar»

A raíz da presentación do libro Loita de clases e represión franquista no mar (1864-1939), de Dionisio Pereira, La Voz de Galicia publicou onte unha entrevista co seu autor asinada por Manuel Beceiro. Reproducímola integramente:

«O mundo do mar foi totalmente laminado tras a Guerra Civil»

O director do proxecto Nomes e voces presentou o seu libro sobre a represión dos mariñeiros galegos polo franquismo

Licenciado en Ciencias Económicas pola Universidade de Santiago, Dionisio Pereira (A Coruña, 1953) é historiador especialista na historia dos movementos sociais na Galicia contemporánea, á que ten dedicado numerosos artigos e libros. O último deles, Loita de clases e represión franquista no mar (1864-1939) (Xerais, 2010), foi presentado onte na Libraría Couceiro, nun acto organizado polo Proxecto Interuniversitario Nomes e Voces, do que o historiador é director.

¿Que é o que tenta transmitir ao lector con este libro sobre unha cuestión tan pouco abordada como é a represión no mundo mariñeiro durante o franquismo?
—O libro tenta describir a singradura do asociacionismo mariñeiro na etapa contemporánea previa á Guerra Civil, o desenrolo da loita de clases en actividades pesqueiras industriais; e a represión do 18 de xullo de 1936 contra todo un tecido colectivo, como eran as asociacións mariñeiras.

¿Esta represión deuse por igual en toda a costa galega ou significouse especialmente nalgunhas zonas do país?
—Non foi igual porque a pesca non era igual en todo o sector pesqueiro. Foi moi superior nas Rías Baixas en relación ás Altas, si exceptuamos o porto coruñés, Celeiro ou Cariño. Nestes portos, nos que había unha flota pesqueira superior a artesanal, a represión foi moi intensa, centrada nos cadros.

¿Non se estendeu ao resto dos mariñeiros e as súas familias?
—Foi unha represión sistemática e planificada contra os líderes destes colectivos. Os cadros sindicais que negociaron as bases de traballo durante a Fronte Popular no Berbés e portos sardiñeiros das Rías Baixas foron asasinados. Da Federación Regional Galaica de Industria Pesquera, da CNT, temos documentado 120 cadros asasinados e máis de 1.000 mariñeiros que sufriron consellos de guerra.

—¿Ao ser mariñeiros non tiñan máis posibilidades de fuxir?
—Houbo evasións en máis dun 40% dos portos galegos, pero nun contexto moi duro, onde a vixilancia era intensísima, e as embarcacións tiñan unha cota de gasóleo polo que non podían ir máis aló dos caladoiros. Nestas evasións xogábanse a vida, pero estiveron implicados 800 mariñeiros e 80 barcos. Despois da Guerra Civil o mundo do mar quedou totalmente laminado, pois os militares retomaron o control de actividades marítimas, e a lexislación no mar foi mito máis dura que en terra.

Manuel Beceiro

Comentarios pechados