Menu Xerais

Entrevista cos autores do «Dicionario Xerais de Primaria»: «Este dicionario é unha verdadeira novidade, pois está adaptado ao seu nivel de ensino»

Lourdes Varela publica no suplemento Faro da Cultura, de Faro de Vigo, unha entrevista con Xosé Feixó Cid e Manuel Rodríguez Alonso, autores do Dicionario Xerais de Primaria.

Xosé Feixó Cid – COAUTOR DO DICCIONARIO XERAIS DE PRIMARIA

«Que o castrapo faga graza é un síntoma do estado de saúde da nosa fala»

–Cal é o “leit motiv” deste dicionario e, ao tempo, cales son as principais innovacións que contén respecto doutros volumes semellantes?
(Xosé): Neste caso, ao coincidiren o interese da editorial e o dos autores –que, por certo, funcionamos moi ben como equipo–, en dispoñer dunha ferramenta deste tipo para o ensino do galego a nivel de primaria, o proxecto foi moi ambicioso, moi meticuloso e moi esforzado por ambas partes, aínda que tamén moi agradable e levadeiro por esas mesmas razóns. A primeira innovación que contén este dicionario de primaria é que realmente está adaptado para ese nivel de ensino, o que supón en esencia que se trata dunha verdadeira novidade, xunto con que na súa elaboración se tiveron en conta as directrices da reforma educativa. Ademais, para a mellor comprensión dos significados, todas as definicións van acompañadas dun exemplo. Tamén se pode engadir que figuran os erros léxicos máis frecuentes do galego, que remeten á súa equivalencia correcta. Así mesmo, cítanse as familias de cada palabra, os sinónimos, antónimos, sen esquecer que se elaboraron un bo número de ilustracións de ámbitos frecuentes co vocabulario habitual, e que, por orde alfabética, se ofrrece información gramatical, como a formación do plural, do feminino, os modelos de conxugación verbal, etc.

–Que dificultades engadidas conleva elaborar o dicionario dunha lingua como o galego, con respecto das que pudiese ter a elaboración dun dicionario de español?

(Manuel): Na actualidade –e podo dicilo tamén pola miña experiencia como autor de dicionarios de lingua española– practicamente ningunha, polo menos desde o punto de vista técnico. Talvez o máis problemático estea na estandarización de certas formas, canto á preferencia dunhas sobre outras, pero iso é unha cuestión persoal, a nivel de usuario, ou en último caso un problema de estilo, no que non intervén o lexicógrafo. O que si é certo é que aínda queda traballo por facer no relativo ao uso das formas adecuadas en cada nivel de lingua, o que é un problema académico, que, se a RAG non o remedia, serán outros os que os establezan.

–Moita xente non acaba de entender que hai un galego oral, no que se permiten moitas licenzas, e un galego escrito no que, polo menos, non deberían permitirse. En que criterios ten que basearse un especialista para incorporar palabras ou expresións propias do galego oral ao galego escrito?
(Manuel): Como o de calquera outra lingua. O criterio é conservador, os filtros son o tempo e o éxito ou recepción da palabra ou expresión. En galego o problema dos rexistros de lingua está en gran medida aínda por resolver.

–Unha das obras de Xosé Feixó é o Dicionario Ortográfico Galego. Equívocome se digo que a maioría dos que escriben en galego teñen unha porcentaxe de faltas de ortografía moi superior aos que adoitan en escribir en castelán? Como se debería solucionar este problema?
(Xosé): É un problema de uso e experiencia, e de presión social. En castelán, a experiencia lingüística é moito maior (medios de comunicación oral e escrita, educación, vida social…), e a presión pola corrección tamén é moito maior, por iso os resultados son mellores.

–Tamén abunda a xente que ten por costume expresarse en galego como primeira lingua e que non se identifica co galego no que se expresan os medios de comunicación, malia que estes o que fan normalmente é guiarse polos lingüistas. De quen é a culpa: dos que descoñecen o “galego correcto” ou dos que deberían ser menos ríxidos (os lingüistas) cos locutores de radio ou presentadores de televisión?
(Manuel): A lingua de comunicación xeral debe ser estándar; aceptado isto, non debería haber problema ningún. Pasa o mesmo con todas as linguas. Pensemos nun andaluz ou nun arxentino ou nun mexicano: a súa lingua oral é moi distinta para todos eles, mesmohai grandes diferenzas, pero, polo contrario, a lingua de comunicación xeral é practicamente a mesma, hai unha normativa do español que os une. Pensemos mesmo o distinto que son o galego de Cangas e o galego do Entrimo, por exemplo; a solución é unilos cunha forma estándar.

–Nunha ollada xeral, que nota gramatical lle darían á clase política galega que se expresa en galego?

(Manuel): Se pensamos que deberían ser un exemplo, suspenderían; se pensamos que son unha representanción da realidade social, aprobarían polos pelos. O certo é que NM (Necesitan Mellorar).

–Un dos programas de televisión con maior audiencia é o Land Rober e hai quen diga que, entre outras, a causa do seu éxito reside en que o presentador e os actores se expresan no “gallejo da rúa” (por certo, cheo de castelanismos), o que se denomina “castrapo”. Haberá que darlles un “toque de atención” aos de Land Rober ou admitir que o castrapo tamén é un fenómeno propio da nosa lingua?
(Xosé): O castrapo é unha forma degradada e degradante da lingua. Que faga graza e resulte simpático é un síntoma do estado real da saúde da fala, que non tería importancia ningunha se nos centros de poder e decisión se utilizase o galego (consellos de administración das grandes, medianas e pequenas empresas e organismos da administración). Iso é o grave, o reducido espazo vital ao que está restrinxido o idioma.

–Os chamados reintegracionistas sosteñen que o futuro do galego radica no seu achegamento ao portugués. Cal cren que é o futuro do reintegracionismo?

(Xosé): Se somos realistas, segundo o enunciado exposto, o futuro do galego é nulo. Canto á pregunta, ten idéntica resposta. Socialmente é tarde de máis para darlle a volta á historia, para retroceder ao tempo en que ese camiño sería aínda posible.

–Son Vds. partidarios de, poñamos por caso, aplicar a normativa actual á reedición de obras dos Blanco Amor, Castelao, Rafael Dieste, Rosalía de Castro, Manuel Antonio… ou as obras destes autores hai que deixalas como están, así sexan prosa ou poesía?
(Manuel): Na miña opinión, os dous tipos de edición son posibles: as orixinais, anotadas –mellor– ou non, e as adaptadas. O que non comprendo é o medo por adaptalas, como se a literatura antiga –e mesmo a moderna–, en todas as linguas, se publicase tal cal se fixo. É o mesmo que traducilas: se non, moita xente non poderá lelas.

–Somos o único país que ten dous nomes no seu mesmo idioma. Para Vdes., como lexicógrafos e profesores de língua e literatura galegas: Galicia ou Galiza?

(Xosé): O problema do nome do país é unha das manifestacións do problema bipolar que padecemos, é o resumo e o compendio da historia da nosa lingua, desde as súas orixes e formación deica os nosos días, nunha deriva imparable. Histórica e etimoloxicamente é Galiza, nome que o devir histórico e social mudou en Galicia, como non podía ser doutro xeito, e de forma paralela a moitas outras formas e regras.

Lourdes Varela

Comentarios pechados