Menu Xerais

«Escarlatina. A cociñeira defunta» de Ledicia Costas premio Merlín de Literatura Infantil 2014

O xurado da XXIX edición do Premio Merlín de Literatura Infantil, dotado con 10.000 euros e no que concorreron corenta e catro obras, formado por Eulalia Agrelo (profesora e presidenta de ELOS-Galicia), Romina Bal Botana (licenciada e filoloxía galega e blogueira), Nuria Díaz Berride (ilustradora), Miguel Vázquez Freire (profesor e escritor), Mª Isabel Vázquez Rosales (mestra) e Helena Pérez Fernández (secretaria do xurado), en representación de Xerais, con voz e sen voto, acordou declarar finalistas as obras presentadas cos lemas «Animais con ánima»«Último voo»«Escarlatina» e «Amencerá canda o sol». Despois da súa última deliberación, acordou por unanimidade declarar como gañadora a obra presentada baixo o lema «Escarlatina», que, despois de aberta a plica, resultou ser de Ledicia Costas corresponde ao título Escarlatina. A cociñeira defunta. O xurado recomendou á editoral a publicación do poemario presentado co lema «Animais con ánima».

No seu ditame o xurado da XXIXª edición do Premio Merlín de literatura infantil sinalou:


«
Das corenta e catro obras presentadas a esta edición do Premio Merlín de Literatura Infantil, un bo monllo delas sobresaen polo dominio do oficio da escrita dos seus autores e polo tratamento dun amplo abano de temas abordados desde perspectivas anovadoras, aínda que foi Escarlatina, a cociñeira defunta, a que concitou o aplauso unánime de todos os membros do xurado.

Este “singular receitario para criaturas do Inframundo” é toda unha exquisitez literaria elaborado con esmero na súa cociña creativa, a partir dunha receita na que todas as súas compoñentes e procedementos foron coidadosamente meditados e que deu como resultado unha narración que tamén ofrece múltiples posibilidades culinarias.

En primeiro lugar, seleccionou un conxunto de ingredientes que acostuman darlles sabor ás creacións literarias para as primeiras idades, como son a aventura, a emoción, a maxia, os soños, o amor e un desbordante humor que, nun inicio, poderían resultar un tanto recorrentes, mais que tivo a suficiente habilidade para asocialos cun elenco de personaxes sobresaíntes no seu deseño e do máis sorprendente. Pois… quen non ten curiosidade por coñecer a historia na que aparecen seres tan excéntricos como Escarlatina, unha cociñeira xa falecida no século XIX e a súa arrepiante araña de acento francés?, un avó encoveirado que viste unha cazadora de coiro marrón con escudos e compite nas carreiras de bólidos? ou o tirano Amanito que morrera despois de inxerir unha Amanita Phalloides? Por xa non falar de Sauro, un dinosauro defunto de cor gris murcho ou de Nicotina, unha esqueleta de pelo crecho que fuma pipa e conduce sempre “mangada” o mortobús que comunica o Máis Acá co Máis Alá.

Todas estas compoñentes foron ligadas con harmonía e vertidas nun consistente molde narrativo, que abre os seus doce capítulos cunha gorentosa receita que lle dá paso a cada un dos bocados dunha historia que, segundo avanza, estimula o apetito do lector, xa que se sente arrastrado por un discurso cativador que só é sinxelo na aparencia. A súa sintaxe narrativa evidencia estar moi traballada polo batedor das letras dunha autoría que soubo combinar con habelencia as escollas léxicas máis coidadas coa linguaxe e xiros propios da nenez, a quen mantén sempre atenta con numerosas alusións e comentarios.

A acertada elección de ingredientes, o emprego dos utensilios axeitados e a destreza no modo de preparación complétanse cun enfornado extraordinario, que é conseguido a través da magnífica recreación dese Inframundo, no que Escarlatina e Román, que sente auténtica devoción pola cociña, procuran un marxar que guste a vivos e mortos para alcanzaren os seus propósitos. Trátase dun Inframundo que, malia nun principio resultar frío, tétrico e repulsivo acaba por ser acolledor, debido á humanidade que seguen desprendendo algúns dos seus cadavéricos e fantasmagóricos habitantes, tal e como nos ilustra Román, a quen o “bico de flores de nicho, de cruces, de márome e panos de encaixe” de Escarlatina lle acaba por gustar.

É esta, xa que logo, unha delicia literaria portadora nas súas páxinas doutra exitosa receita feita a base dun molusco galego adobiado de pelos e volantes de sevillana, que consideramos do agrado do paladar daqueles lectores, aos que lles gusta descubrir novos sabores e pasar un intre repleto de gargalladas provocadas por uns personaxes verdadeiramente entrañables. Bo proveito!»

Ledicia Costas confesou que «gañar o Premio Merlín supón unha recompensa a moitos anos de traballo. É o premio que convoca Xerais, editorial que confiou en min cando só era unha adolescente, apostando pola miña obra Unha estrela no vento. Precisamente por iso este recoñecemento é para min tan especial.»

«Escarlatina, a cociñeira defunta é fundamentalmente un libro de humor. Quixen facer do macabro algo divertido, desmitificando a morte e o seu significado. Pensei no libro que a min me gustaría ler se fose unha nena e apostei polo mundo da cociña, emprendendo unha ruta gastronómica polo Máis Alá.»

Comentarios pechados