Menu Xerais

Eva Moreda: «Penso que ‘A Veiga é como un tempo distinto’ é a miña obra máis meritoria ata agora»

Armando Requeixo publicou na sección «Parlamento das letras» do seu blog Criticalia unha entrevista con Eva Moreda.

 

 

Parlamento das Letras

Eva Moreda

 

Eva Moreda é unha aloitadora. Ninguén antes dela elevara a épica da rapa conferíndolle papel protagónico nunha novela. Este detalle, lonxe de resultar casual, di máis do que parece do carácter literario dunha autora inequivocamente transfronteiriza, por asunción e convicción, como non podía ser doutro xeito en quen naceu na Veiga das Asturias, foi criada á calor da nosa fala ribadense e anda agora City arriba City abaixo espallando os seus moitos saberes entre os adolescentes albións do Royal Holloway College e a Open University.

Non é doado tipificar a obra de Moreda, camaleónica como ela é, pois igual aventura nas proezas cabaleirescas do Medievo que alaga delicuescente e erótica. Mais se houbese que sinalar marcadores xenéticos dese particularísimo adn Moreda, coido que habería que illar o seu interese polo mundo migratorio, a querenza polo eido musical e talvez a problemática transformación do rural nestes nosos tempos cyborg.

Convén escoitar o que Eva Moreda ten para nos dicir, pois nela —tal recorda a súa escrita— a literatura é como un tempo distinto.

—¿Cando, onde e da man de quen publicaches os teus primeiros textos?

Coido que os primeirísimos foron aos 10 ou 11 anos na revista das festas de Ribadeo. Daquela xa gañara algúns concursos literarios a nivel local e a xente que editaba a revista interesárase por ter algunha colaboración miña. Despois diso, a miña seguinte publicación foi xa un libro individual cando tiña 16 anos, Breogán de Guisamonde, o cabaleiro da gaivota, premiado no certame Rúa Nova e publicado na colección Nova 33.

—¿Cal das túas obras cres que foi mellor tratada e cal pasou máis desapercibida para o público e/ou a crítica? ¿Por que cres que recibiron ese trato desigual?

A mellor tratada foi, indubidablemente, A Veiga é como un tempo distinto, penso que porque viña avalada por un premio literario de certo renome e tamén polo prestixio de Xerais. Accidentalmente, tamén penso que é a miña obra máis meritoria ata agora, aínda que coido que isto foi secundario á hora de recibir a atención do público e crítica. Tamén quedei bastante sorprendida, no seu momento, da acollida de O demo e o profundo mar azul, que foi bastante recensionada nos medios. Non esperaba que unha novela tan curta, dunha autora novel e sobre un tema tan inédito na literatura galega coma o jazz fose espertar ningún interese. A que pasou máis desapercibida foi seguramente Singularis Domitilla, que foi publicada polo Servizo de Publicacións da USC, non tivo promoción e foi escrita para un concurso cunha temática moi definida.

—¿Tes algún hábito singular ou manía á hora de escribir?

Non; a miña vida nos últimos anos foi tan inconstante, con bastantes cambios de enderezo, de traballo e mesmo de país, que acabei por desfacerme de moitos hábitos e de moitas manías —tamén literarios— simplemente por pura adaptación.

—Nunha antoloxía da nosa literatura recente, ¿ao pé de que autores/as preferirías figurar?

Sinto unha certa afinidade por autores como Xabier Queipo, Antón Riveiro Coello ou Xelís de Toro. As súas obras individualmente poden gustarme máis ou menos, pero admiro a súa coherencia, o seu facer o que lles dá a gana literariamente sen preocuparse polas modas e dos lercheos do sistema literario galego. De todas formas, na literatura galega as antoloxías e as historias adoitan facerse por xeracións, así que supoño que a min non me poñerían con estes autores.

—Se tiveses que historiografar a túa propia traxectoria literaria, ¿que trazos salientarías?

Non me resulta fácil, porque, ao contrario dos autores que mencionei antes, eu son moi inconstante. Ás veces penso que atopei a miña voz, o meu proxecto literario, pero despois abúrrome ou agóbiome e comezo a explorar outras posibilidades. Pasoume cando rematei A Veiga é como un tempo distinto: pensei que aí xa atopara o meu camiño e de feito comecei a escribir outra novela na mesma liña, pero despois empecei a aburrirme e todo o que escribín desde entón, nos últimos dous anos, foi por camiños bastante diferentes. Supoño que, desde fóra, un crítico ou lector da miña obra poderá identificar trazos comúns, pero para min a característica máis definitoria é sempre a busca de novas formas de expresión.

—¿Que lecturas te acompañan decote ou a que escritores/as regresas con frecuencia?

Sempre tiven bastante afinidade coa novelística inglesa de finais do século XIX e principios do XX: D. H. Lawrence, Thomas Hardy, Somerset Maugham, A. S. Byatt…

—¿Que cres que lle falta aínda ás nosas letras e que lle sobra definitivamente?

Creo que lle sobra lercheo, seguidismo e, sobre todo, complexos. Ás veces dá a impresión de que queremos modelar a nosa literatura seguindo os modelos predominantes de fóra: seica temos que publicar un número determinado de obras de tal ou cal xénero ao ano, temos que ter non sei cantos best-sellers e temos que escribir de non sei que outros temas para sermos unha literatura de verdade, para sermos “normais”. Non vou negar que, sendo a literatura galega unha literatura minorizada, a tentación de sermos normais, de deixar de ser os raros, sexa moi forte. Pero, por outra parte, creo que a vantaxe de ter unha literatura a medio facer, un país a medio facer, é que non temos por que caer nas inercias que lastran os sistemas literarios supostamente “normais”.

Por isto mesmo, tampouco creo que á literatura galega lle falte nada en concreto: fáltalle en comparación con que? En todo caso fáltalle máis valentía para atreverse a crear os seus modelos sen copiar outros.

—Se soubeses que o teu tempo se esgota, ¿que non te perdoarías non deixar escrito?

Coido que me arrepentiría de non terme dedicado máis á poesía. Cando empecei a escribir en serio, aos 15 anos, considerábame poeta máis que narradora, pero despois sempre obtiven bastante máis recoñecemento pola miña obra narrativa que pola obra poética; de feito, de poesía debo ter só cinco ou seis poemas publicados en revistas e volumes colectivos. Isto frustroume un pouco e levoume a centrarme na narrativa.

—¿Cal é a túa valoración do noso presente literario?

Eu vexo que hai cada vez máis unha separación entre o mainstream e o “alternativo”. Se cadra isto é o desexable e o normal, aínda que, como dixen antes, a normalidade non me convence moito.

Armando Requeixo

Comentarios pechados