Menu Xerais

Excelente: «Un animal chamado néboa», de Ledicia Costas. Artigo de Xosé Carlos Caneiro

Xosé Carlos Caneiro escribiu no seu artigo de La Voz de Galicia sobre Un animal chamado néboa, de Ledicia Costas.

 

A néboa

Adoitaba a dicir Gonzalo Torrente Ballester que a néboa facía vivir aos galegos nun mundo de marabilla, ficción, unha intrahistoria particular que os diferenciaba do resto do mundo. A súa literatura, e especialmente o lugar de Castroforte del Baralla, bebe dese universo distinto e distinguido. Leo un libro de relatos desacougante, penetrante, sólido e severo nos argumentos. Leva a brétema no título: Un animal chamado néboa. A autora, Ledicia Costas. Diría que é un volume de obrigada lectura, pero que cadaquén lea o que o seu gusto (ou desgusto) propoña ou dispoña. No encontrarán unha lectura fácil, pero si feliz. E falo de facilidade porque este libro de Ledicia Costas trata do ser humano transitando a corda frouxa de todas as «difíciles» fronteiras sentimentais e emocionais. Trata da desazón e da dor, da ignominia e da tortura, da aflicción e a desesperanza. Como tea de fondo propón aconteceres sucedidos durante a Segunda Guerra Mundial, de Leningrado aos campos de concentración nazis, diversidade de asuntos que beben nas profundidades abisais do ser humano, onde toda conducta, por inesperada, resulta inquietante.  A primeira frase do volume proclama o xeo (ardoroso) que encontraremos na lectura: «Katarina Savicheva, filla do frío e da fame…». O frío e a fame, o desconsolo, pesar, a aflicción sen medida. Todo narrado con pericia literaria, ou sexa, con palabras adecuadas e non sacadas do baúl da linguaxe denotativa común e vulgar. Este libro foxe diso, precisamente, da ditadura da vulgaridade que estamos a sufrir nos últimos anos. Excelente, punto.

(…)

Xosé Carlos Caneiro

Comentarios pechados