Menu Xerais

Guía de autoaxuda para mellorarmos a lingua: «Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez», de Carlos Callón

Galicia confidencial publica unha reportaxe sobre o libro Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez, de Carlos Callón.

 

 

Guía de autoaxuda para mellorarmos o noso galego

Carlos Callón presenta ‘Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez’, lanzamento de Xerais, editorial que pronto comercializará libros electrónicos para Kindle.

Un libro de autoaxuda repleto de consellos prácticos para galegofalantes e aqueles que queren aprender a lingua. Así pode definirse Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez, o volume presentado esta mañá no CGAC de Santiago.

“De morrer, morrer cheo” no lugar de “de perdidos ao río”

O autor, Carlos Callón, destaca o carácter práctico da obra. Por exemplo, inclúe dous anexos con palabras e frases feitas que son castelanismos e o seu equivalente corecto en galego. Alí un pode descubrir que é mellor dicir “non me tolees a cabeza” no lugar de “non me deas a lata” ou “de morrer, morrer cheo” no lugar de “de perdidos ao río”.

Callón pretende tamén que os galegofalantes reflexionen sobre os prexuízos que lastran o idioma. Ás veces, faino mediante anécdotas: “costilleta non existe en español, é unha derivación da forma galega costeleta, en español a Real Academia da Lingua só acepta ‘chuleta’ ou costeleta, que é unha forma usada na Arxentina probablemente derivada do galego”. Outras veces mediante a experiencias personais, como a sorpresa que tivo de mozo ao descubrir que a palabra “avoa” non era unha creación dos libros de texto, senón unha forma viva en moitas vilas do país.

Axudas aos medios e competencias na ESO

Na presentación, o responsábel da Mesa aproveitou para lembrarlle á Xunta a súa obriga de darlle promoción aos medios en galego. En particular, atacou o uso que se fai das axudas polo idioma, que na súa inmensa maioría van a parar a medios que fan un uso ínfimo da lingua propia.

Callón tamén lembrou a recente sentencia do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, que invalida varios artigos do Decreto polo que o PPdeG reduciu o tempo de aulas no idioma propio. “Os xuíces insistiron que todos os nenos deben rematar os ciclos coas competencias comunicativas axeitadas en galego, pero o 20% dos rapaces na etapa final da ESO non teñen competencias lingüísticas mínimas en galego”, advertiu.

Xerais: nova colección e libros electrónicos

Pola súa banda, o editor Manuel Bragado prognosticou o éxito comercial do volume, tendo en conta as vendas das dúas anteriores obras de Callón sobre lingua . O responsábel de Xerais asegura que xa se está preparando unha segunda edición tras once días nas librarías.  Bragado argumenta que “non é un libro conxentural” e que ten un prezo económico, 12,5 euros.

O editor explica tamén que Xerais comezará nas vindeiras semanas a vender libros electrónicos en Amazon (a tenda electrónica que alimenta o Kindle, o libro electrónico máis popular) e noutros grandes portais editoriais.

Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez estrea unha nova colección en Xerais. Chamada “Libro X”, a colección incluirá obras de non-ficción, con boa calidade de edición pero en tapas brandas. O próximo título será unha reedición do Manifesto Comunista en galego.

Deixa un comentario!