Menu Xerais

Helena González : «Interesábame achegar a Rosalía aos lectores e lectoras do noso tempo dende unha lectura feminista» Entrevista no «Praza Pública» sobre «Rosalía feminista»


O xornal Praza Pública publicou unha entrevista de Montse Dopico a Helena González sobre o libro: Rosalía feminista. O libro está publicado por Xerais na colección: Poesía. (Imaxe: Ramón Moretó – Praza Pública).

 

HELENA GONZÁLEZ:

“Propoño unha lectura de Rosalía a través das súas figuras femininas: voces, corpos, experiencias diversas”

“Deberás desbotar inercias, rexeitar prexuízos e disporte a ler desde o “triángulo das furias”, como di Ana Romaní; desde a reviravolta exacta en que se albisca a revolta silandeira das mulleres”. Con palabras coma estas comeza o limiar do libro ‘Rosalía feminista’, (Xerais), da profesora Helena González. Que, xa o di ela: non é unha escolma máis, senón un reto. Un convite a tomar un camiño, na lectura de Rosalía. Unha senda na que da emoción pode partir a loita contra a opresión do patriarcado. Falamos coa autora.

 

Levas tempo traballando co tema de Rosalía e o feminismo. Quizais algunhas das reflexións que fixestes en ‘Canon y subversión’, por exemplo, -que coordinaras con María do Cebreiro- puideron levar, dalgunha maneira, a esta nova obra…

Non tanto ‘Canon y subversión’, que foi como o primeiro resultado de todo un traballo que se levaba tempo facendo desde o feminismo para repensar a Rosalía. Aquí en Barcelona estamos Chus Lama -unha das maiores expertas en Rosalía- e eu traballando neste tema, e Rosalía segue sendo fóra, ademais, a mellor carta de presentación do país. Saíu ‘Canon y subversión’ e eu seguín traballando sobre Rosalía. Mais o que me interesaba, desta volta, era facer intelixible a Rosalía para o noso tempo.

Cando Fran Alonso colleu a dirección de Xerais, un dos seus proxectos foi este. Chamoume para preguntarme se querería facer unha antoloxía sobre Rosalía que xa tiña título: ‘Rosalía feminista’. Eu díxenlle que si, pero só se me deixaba desordenala. Porque o que me interesaba, como dicía, era achegar a Rosalía aos lectores e lectoras do noso tempo desde unha lectura feminista. Desordenala desde os conceptos e as ideas dos debates feministas do noso tempo.

En que sentido?

O obxectivo non era explicar, debullar, comentar como ler a Rosalía, senón tracexar posibles camiños de lectura a partir dalgúns conceptos do pensamento feminista do noso tempo desde os que suxire unha reinterpretacións dos poemas. Por iso fixen un índice que propón unha lectura que non é histórica, agás no feito de que Rosalía escribiu, primeiro, como feminista, desde a perspectiva da “vindicación das mulleres”, e despois desde a vindicación da nación. O cal sitúa o discurso da nación nun lugar diferente do que asumiu a historiografía literaria. Insisto en que en todo isto son debedora das lecturas das feministas dos 80, pero a historiografía literaria revestiu a Rosalía duns tintes épicos que non lle correspondían. Porque as mulleres somos protagonistas, e non metáforas, de cada tempo histórico. Por iso eu propoño unha lectura de Rosalía a partir das figuras femininas dos seus poemas, como se fose un teatro no que van aparecendo os diferentes personaxes.

Eras ti a que falaba, hai xa tempo, en relación con iso, do “paraugas totalizador” no que se convertía a nación, tapando outros aspectos coma o feminismo.

Si, o concepto non é meu: é “totalizing umbrella” en inglés, e eu traducino como paraugas totalizador. O que pasa é que cando coinciden o discurso da nación e o discurso da muller o discurso da nación acaba por comportarse como o que atinxe a todo o conxunto, e o discurso da muller como se só atinxise a unha parte do conxunto: as mulleres. Así é como se formulaba o tema naquel momento, pero a estas alturas xa somos capaces de interceptar discursos… O que quería dicir é que Rosalía non só escribe a nación. Rosalía escribe as mulleres e a nación, por esta orde: primeiro as mulleres e despois as mulleres e a nación.

Dicías antes que querías suxerir camiños de lectura. Comeza o limiar do libro dicindo: “Isto non é unha escolma. É un reto”… Para un lectorado que deberá “desbotar inercias” e facerse responsable da súa lectura…

Si, claro. Na selección de poemas que fixen hai moitas lecturas de teoría feminista, de teoría política, de crítica literaria feminista… Pero o que quero é seducir a quen le, levalo por un camiño e que se faga responsable da súa lectura. Eu creo que poder da lectura.

O libro parte, di tamén o limiar, dunha evidencia: que Rosalía escribiu antes a “vindicación das mulleres” de ‘Lieders’ e ‘La hija del mar’ ca ‘Cantares Gallegos’.

Si, primeiro ‘Lieders’ e ‘La hija del mar’. ‘Lieders’ é un manifesto que sitúa a Rosalía entre as voces feministas do seu tempo. Nese sentido, Rosalía non é unha excepción: é unhas das voces que quixeron colocar as mulleres como suxeitos do seu tempo. Coma George Sand, coma Mary Wollstonecraft…

Como fixeches a selección dos poemas? Poderían ser máis, ou outros…

Facendo unha lectura integral da poesía de Rosalía en galego e en castelán, aínda que acabei optando máis polos textos galegos. Primeiro saíronme como a metade máis de poemas, pero entendía que unha antoloxía ten que ter uns límites razoables. Fun detectando, entón, as reiteracións. Nas figuras por exemplo. Unha das figuras principais é a da muller diante do matrimonio, que representa o desafío da muller diante do principal atranco para que as mulleres poidan ser suxeito. Por iso hai tantos poemas no libro sobre o amor: contra a sedución, contra o amor romántico, contra o matrimonio…

Un dos elementos que quixen achegar con esta antoloxía foi tratar de facer que os poemas falen entre eles. É o caso de San Antonio Bendito: eu poño primeiro o San Antonio Bendito de ‘Cantares Gallegos’ e seguido o poema de San Antonio de ‘Follas Novas’. Se non van xuntos, non se entende. E eu non aviso de quen fala: unha moza nova. Pero a continuación vén un poema que fala en contra do matrimonio, e así enténdese o conxunto.

En calquera caso: cando eu pensaba esta antoloxía, non pensaba no que Rosalía pensa. Unha interpretación da súa poesía en clave biográfica pode levar a excesos. E o que eu propoño é unha lectura a través das figuras femininas: de corpos e experiencias de distintas mulleres. Porque en Rosalía non hai unha única muller que fala, senón moitas mulleres que teñen vidas diferentes e toman decisións diferentes: as mozas, as vellas, as suicidas -unha figura que non se adoita destacar de Rosalía, que son mulleres que toman decisións tan difíciles como tentar acabar coa súa vida- e moitas máis: as viúvas, as viúvas de vivos…

No relato dominante, se casas serás feliz. En Rosalía, as viúvas están soas, sofren moito, pero tamén son suxeitos de ira e outras emocións e son quen de facerse cargo de si mesmas. E para facer unha lectura completa hai que entender isto. Elas quedan soas cando o home emigra, sofren unha dor infinita, tentan suicidarse sen conseguilo e finalmente deciden marchar elas tamén á emigración porque na Galicia que coñecen non conseguen vivir. E isto, ao que moitas veces non se dá importancia, é politicamente moi relevante. Na visión tradicional, a viúva de vivo é unha nai que queda soa esperando a que el volva…

Unha Penélope. 

Si, unha Penélope que é unha nai que espera. En Rosalía a viúva é unha muller que toma decisións, que poden ser decisións radicais: eu marcho, sabendo canto vou botar de menos a miña terra… No libro quixen presentar emocións coma o medo, a ira, a vinganza, e tamén a felicidade, como politicamente empoderadoras. Fixen unha interpretación das figuras femininas desde a teoría crítica das emocións. E o xogo máis libre que me permitín foi o da última parte, a de ‘Se podes bailar, é a túa revolución’: aí si hai unha lectura moi concreta do baile, da celebración das mulleres, da súa felicidade.

En relación con iso -e isto é só a miña apreciación como lectora- a lectura feminista dos poemas pode non resultar ás veces tan clara, polo menos se non se chega ao final de cada parte do libro. Mais xa dicías antes que está pensado para que se fagan interpretacións de conxunto de poemas tirados de distintas obras de Rosalía.

Tampouco ao ler os títulos? Interésame, como editora, o que dis. Mais hai algo importante, que é, si, o que comentaba antes: hai unha vontade de arquitectura no libro. A idea non é que se lea cada poema solto e iso está buscado. Non se pode ler cada peza por separado.

Supoño que tamén pode pasar que, claro, unha feminista do tempo de Rosalía non é unha feminista de agora. E hai que facer un esforzo por situarse no seu tempo histórico.

Claro. Un exemplo é o que falabamos antes do matrimonio. O tema daquel tempo é a institución matrimonial. O meu libro está feito para o noso tempo, pero temos que pensar que non vai aparecer no tempo de Rosalía, por exemplo, unha linguaxe que entón sería impensable. Hoxe o concepto de violencia de xénero, por exemplo, non é só un concepto teórico ou filosófico: é un concepto legal. Nada que ver con cando Rosalía escribía sobre o tema. E claro que podes botar de menos cousas, se o pensas desde a perspectiva de hoxe: non hai nada trans, por exemplo.

En ‘El caballero de las botas azules’ pode habelo, non si?. 

Si, claro, algo de travestismo, polo menos. Pero referíame aos poemas.

Queres resumir a idea principal de cada unha das partes do libro?

Comeza con ‘Daquelas que falan’, onde está ese manifesto tan claro que é ‘Lieders’. Dixo o historiador Xosé Ramón Barreiro que ‘Lieders’ semella un contrato prematrimonial. E eu engado que Rosalía dille a Murguía, a través dese texto, que é unha muller libre e autónoma. Sería, así, coma o acordo que escribiu John Stuart Mill antes de casar con Harriet Taylor Mill, de respecto entre iguais.

Despois hai varias autopoéticas, sobre o desexo de Rosalía de ser escritora, e despois quen fala -en ‘Cantares Gallegos’- xa non é Rosalía, senón unha meniña. E xa dicía antes que a tentación de facer lecturas autobigráficas da obra de Rosalía é redutora, e de feito é negarlle a capacidade de ser unha grande escritora. Evidentemente, hai cousas que se poden ler en clave biográfica, pero non pode ser a única clave.

A segunda parte, ‘Abdicar de min. As lañas do amor romántico’, son os poemas que avisan dos perigos do amor romántico. Primeiro van uns poemas sobre a paixón como algo fermoso, despois as advertencias contra os homes sedutores, e despois os poemas contra o amor romántico como dispositivo de domesticación das mulleres e contra os problemas do matrimonio como dispositivo, tamén, de domesticación.

Seguindo a teorización de Judith Butler, veñen despois os poemas sobre as ‘Vidas precarias’, na terceira parte. Porque hai persoas coas que empatizamos e persoas coas que non, vidas que consideramos que deben ser choradas e vidas que non. Coma as das mulleres que teñen unha vida marcada pola precariedade: as vellas, as orfas, as pobres, as nais que son case sempre nais pobres pero con entidade suficiente tamén, ademais de ser nais. Ou a emigrante e a estranxeira.

Na cuarta parte, ‘Soas, sen amor, sen amo’, vaise vendo como a obra de Rosalía permite construír figuras femininas autónomas, mulleres con capacidade de axencia. A primeira condición é estar soas. Pero estando soas non están sometidas da mesma maneira á presión do patriarcado. Sofren moito, senten unha dor infnita, pero toman decisións.

Por iso sitúo primeiro a soidade, despois as suicidas, despois as viúvas, e despois o medo, a ira, a violencia e a vinganza: mulleres que reaccionan contra a agresión, coma a de ‘Castellanos de Castilla’ ou a de ‘A Xustiza pola man’. A seguir vén a parte sobre as viúvas de vivos: a soidade, a dor, o desexo de morte e a decisión de emigrar, que entón era sentida como peor que a morte. E isto permítenos, a través de Xohana Torres, ver a Penélope de “eu tamén navegar”. Finalmente está a parte da celebración da revolución, ‘Se podes bailar, é a túa revolución’.

Algo máis que queiras comentar?

Quizais que a idea que me permitiu pensar o libro foi o verso de Ana Romaní sobre o triángulo das furias. O triángulo feminista, en relación coa política das emocións: coa dor, coa vinganza, coa ira, como posibles piares sobre os que as mulleres poden erguerse como suxeitos políticos.

Comentarios pechados