Herta Müller, unha Nobel en lingua galega
Baixo este título, «Herta Müller, unha Nobel en lingua galeg» recomendou A. M. esta pasada fin de semana no Xornal de Galicia a lectura de Randea do alento, novela sobre a que se di:
Herta Müller –galardoada co Premio Nobel de Literatura no ano 2009 “pola súa capacidade para describir coa concentración da poesía e a franqueza da prosa a paisaxe dos desposuídos”, a xuízo do xurado–, conta unha historia ambientada nos últimos tempos da II Guerra Mundial. Aínda había guerra en xaneiro de 1945 cando se inicia a deportación aos campos de traballos forzados en Ucraína da minoría alemá en Romanía. Nese momento comeza unha aventura que relata Leo Auberg, un mozo de dezasete anos, obrigado a abandonar a súa vila no momento xusto.
Porque a el xa lle sucedera algo: “Prohibido”, “raro, sucio, vergoñento e fermoso”. Formar parte da listaxe dos rusos era para el unha situación aceptábel. Cinco anos vai manterse con vida no campo, coa experiencia da fame e do frío, co terríbel cansazo, co tedio, coa dúbida de se na súa casa saberán se continúa con vida, co desexo e co medo do regreso. Leo Auberg regresa e xa non ten lugar no mundo entre persoas farturentas de lar, a lingua e as imaxes que crea seguen a mantelo na vida, sesenta anos despois, cando continúa comendo contra a morte de fame.
A autora, coas fermosas palabras do poeta Oskar Pastior, cos seus recordos e cos doutras testemuñas devolve o lector a unha parte da historia de Europa, da ferocidade do século XX, no que a inocente palabra campo, se converte en símbolo do horror.
A obra vén de recibir críticas moi positivas, especialmente en medios alemás como o Frankfurter Allgemeine Zeitung –“Esta é unha obra, que neste momento sobresae sobre todas as demais; unha lectura que parte o corazón e nos fai seres humildes e sinxelos– ou o Frankfurter Allgemeine –“A súa obra, cuxa forza se alimenta co terror, é ao mesmo tempo rica en beleza e unha sorte para quen le”–.
A. M
Comentarios pechados