Menu Xerais

«Inmunda escoria» de Ricardo Gurriarán, presentación en Compostela

Inmunda escoria. A universidade franquista e as mobilizacións estudantís en Compostela, 1939-1968 de Ricardo Gurriarán será presentado mañá, mércores 7 de abril, ás 19:30 horas no Salón Nobre de Fonseca en Santiago. O acto contará coa participación dos prologuistas da obra, Vicente Álvarez Areces (Presidente do Principado de Asturias) e Senén Barro (Reitor Magnífico da USC), ademais de Víctor Santidrián (Director da Área de Historia da Fundación 10 de marzo), Manuel Bragado (Director de Xerais) e do propio autor.

«Inmunda escoria» foi o titular co que un xornal caracterizou os estudantes universitarios antifranquistas en 1968, cando as súas protestas fixeron tremer as estruturas da Ditadura. Inmunda escoria. A universidade franquista e as mobilizacións estudantís en Compostela, 1939-1968 nace da exposición que a Fundación 10 de Marzo lle encargou a Ricardo Gurriarán para conmemorar os corenta anos das loitas do curso 1967/68 na Universidade galega. A partir dun intenso labor de investigación en arquivos públicos –malia os impedimentos legais que amparan os tan «distantes» tempos da Ditadura franquista– e privados, así como das máis de cen entrevistas aos participantes directos e indirectos do conflito, Gurriarán analiza o que foi coñecido como «o 68 galego», que protagonizou toda unha xeración de persoas cun percorrido político, social e cultural que chega ata os nosos días. A investigación arranca no ano 1939 e avanza ano a ano para chegar ao curso 1967/68, cando as mobilizacións estudantís antifranquistas conquistaron espazos de liberdade, á custa, iso si, de non poucos desgastes persoais. Sen aqueles acontecementos, a sociedade galega de hoxe sería moi diferente. Inmunda escoria é un libro que non só enche un baleiro na historiografía, senón que está chamado a converterse, sen dúbida ningunha, nun referente para os estudos que sobre o antifranquismo se fagan no futuro. O libro inclúe un DVD con 50 entrevistas ás persoas que protagonizan os feitos.

A presentación do libro está organizada por Xerais, en colaboración coa Fundación 10 de marzo e a Reitoría da Universidade de Santiago.

Daniel Salgado faise eco hoxe da presentación da obra nas páxinas de El País.


Comentarios pechados