Menu Xerais

Jaureguizar: «A reacción dos rapaces con Tintimán é moi positiva: descubren que poden ler en galego cousas divertidas»

Praza Pública ofrece unha entrevista de Alberto Ramos a Jaureguizar centrada na serie Tintimán, que consta xa de tres títulos: Corazón de chocolate. Un misterio para Tintimán en Compostela e A coroa de Napoleón. Un misterio para Tintimán na Coruña, e Amor de serea.

«A RAG ten a imaxe polo chan e debe explicar as súas contas»

A mediados do próximo mes chegará ás librarías a nova aventura de Tintimán, un xornalista mozo, aventureiro e fachendoso que en dúas entregas anteriores investigou senllas conspiracións históricas nas cidades de Santiago de Compostela e na Coruña. O personaxe, creado polo escritor e xornalista Santiago Jaureguizar (Bilbao, 1965), visitará nesta ocasión Vigo para deitar luz sobre a aparente desaparición dos galeóns de Rande. Baixo o título Amor de Serea. Unha aventura para Tintimán en Vigo, Jaureguizar vólvelle dar vida a esta personaxe. Aproveitamos a ocasión para falar co escritor de Tintimán, de literatura e de asuntos da actualidade cultural do país como a situación da Real Academia Galega.

Que vai investigar Tintimán desta volta?

A novela chámase Amor de Serea. E o que acontece en Vigo é que desaparecen os galeóns de Rande, non se sabe nada dos pecios que están no fondo da Ría. Hai unha serie de persoal técnico da Xunta, xente de Patrimonio, que está investigando os pecios e, cun sónar, non os dan atopado, non saben que pasou con eles.

Haberá personaxes recoñecibles como nas anteriores entregas? É dicir, coarase algún alcalde semellante a Cabaleiro, por exemplo?

O alcalde Cabaleiro sería un alcalde recoñecible… Si, eu sempre meto cousas recoñecibles. Son xornalista e sempre hai algunhas referencias a cousas reais. Por exemplo, desaparecen os galeóns e daquela o director xeral de Patrimonio, que se chama Marcos Calveiro -curiosamente chámase igual ca un escritor de Vigo- decide recorrer a Tintimán para que investigue de xeito discreto o que aconteceu cos galeóns. Daquela el comeza a investigación e atopa, coma sempre, unha banda de malvados.

Teremos daquela tamén máis detalles, máis referencias á realidade?

Claro, a novela transcorre en Vigo. Xa dende o comezo, hai moitas referencias ao Vigo actual. Aparece o Sereo, a Porta do Sol, o Museo do Mar… E tamén hai referencias ao Vigo histórico. Aí xorde un protagonista que é Sanjurjo, o home que fixo o primeiro submarino, por chamalo dalgún xeito. Era un navío de guerra, un aparello que se podía mergullar só. Fíxose durante a Guerra de Cuba, Sanjuro inventou o submarino daquela. Esa é unha personaxe importantísima, tamén pola súa conexión con Xulio Verne, home que coñeceu cando o iate do francés atracou en Vigo, algo que fixo en dúas oportunidades. Acabaron por se cartear. O que intento, coma noutros dous libros, é contar historias dunha cidade, de Vigo neste caso. Dou trazos, non pretendo facer un relato histórico, pero si dou lufadas desa historia da cidade, como a loita cos franceses ou ese Vigo industrial nacente do século XIX que representa Sanjurjo Badía.

Haberá daquela aventuras de Tintimán por cada cidade, imaxino? Tamén haberá por vilas?

O proxecto de Tintimán estaba pensado así dende o seu comezo, en 2010. A idea era facer unha trama por cada unha das cidades. Daquela fixen Santiago e A Coruña. Agora vai Vigo, Lugo a ver se este ano. Máis tarde virán Ourense, Ferrol e despois Pontevedra.

Ten vostede todo planificado xeograficamente.

Si, si está planificado. Mesmo espero poder escribir un Tintimán en Ribadeo, pero iso é un capricho do autor, porque me criei alí. Tintimán investiga sempre un misterio relacionado coa historia da cidade. A miña intención é que os rapaces coñezan mellor a historia da súa cidade a través dunha novela que pretendo que sexa entretida. No caso de Santiago, lembro a historia de Xelmírez. Na Coruña, a batalla de Elviña. No caso de Vigo, están os galeóns e tamén a reivindicación de Sanjurjo como un industrial de relevancia que quedou no esquecemento.

Como será no caso de Lugo?

O caso de Lugo será sobre a muralla. Atópanse os planos orixinais da Muralla e hai uns malos que queren facerse con eles. A trama sucederá durante as festas do Arde Lucus. Estou a escribir agora a historia.

Se un le agora a historia de Tintimán na Catedral de Santiago, pensa que se puido quedar curto coa trama con todo o que pasou co Códice e con ese personaxe que é o antigo deán. Podemos dicir ese tópico absoluto de “a realidade supera a ficción”?

Na historia, Tintimán entra pola noite nos Arquivos Catedralicios… Cando escribín isto, non se me ocorría pensar que podíamos ter un documento tan importante como o Códice con tales medidas de seguridade que un electricista puidese levalo. Claro, iso nunca se me ocorreu. A realidade, case sempre, supera a ficción. Ti contas nunha novela o caso do Calixtino e non cho cren.

Non lle preocupa que un rapaz incauto lea Tintimán e quede coa idea do romanticismo da redacción e do xornalismo e chegue un día en que diga algo así como “Mamá, quero ser xornalista”?

Eu nunca lle vou quitar a ilusión a ninguén de ser xornalista. É un oficio, unha profesión apaixonante. Vale, prefiro que aos meus fillos non se lles ocorra, pero ese romanticismo ten a súa base e resulta ser unha profesión interesantísima que cambia continuamente. Eu nunca lle diría que non a ningún rapaz… Sobre todo porque o mundo de aquí a dez anos vai dar moitas voltas. Estamos nun momento complicado, pero todo dá voltas, todo xira e todo volverá estar mellor. Son ciclos, pero sempre volven os ciclos bos. Polo menos iso espero, tamén pola parte que me toca.

Voulle facer a típica pregunta sobre a literatura infantil e xuvenil. Ten o suficiente prestixio tendo en conta o contexto galego, a súa relevancia? Hai unha visión, un prexuízo sobre a literatura infantoxuvenil?

Non é un tema que me preocupa excesivamente o que pensa a xente sobre a literatura, pero está claro que a mellor literatura que se fai neste país é a que se fai para rapaces. Tanto se a xente o quere recoñecer coma se non. Os señores que mellor constrúen novelas neste país son os escritores para rapaces. Aí están Fernández Paz, Xabier P. DoCampo, Calveiro… Resúltame obvio, pero que a fama a levan os poetas que escriben sen saber como se fan novelas… Pois iso é así. Realmente hai un culto á lingua que eu entendo excesivo… Non a lingua en si, senón a unha riqueza lingüística que eu entendo que non é propio dunha novela nin precisa unha novela. O que pasa neste país, como estamos con ese medo a que se nos perda o idioma, pensamos que temos que defender as obras con gran riqueza lingüística, aínda que realmente non haxa detrás unha técnica novelística mínima.

Cre que hai un exceso de militancia niso, en defender en cada liña…

Hai unha pesadez que xa nos vén dende Otero Pedrayo e que continuou despois con outros autores que tiñan unha obsesión por defender que non se perdan as palabras, como se as palabras fosen cada unha unha árbore. Iso non acontece nas novas xeracións, Diego Ameixeiras, por exemplo, sabe como se fan as novelas… Pero antes del e doutros houbo uns señores que se pasaron da poesía á novelística porque se vendía máis libros, e fixéronnos crer a todos que coñecían as técnicas da novela cando non é certo. E aínda brillan coma grandes escritores, non? Neste país, acontece algo que non acontece noutros país: Temos sempre no podio aos poetas. Paréceme ben, xa que non reciben compensación económica polo seu traballo, que reciban compensación de admiración. Un pode ser un bo poeta, mais iso non quere dicir que teña dotes para facer novelas. Son campos moi distintos.

No seu blog, O Cabaret Voltaire, falou en varias ocasións sobre a Academia, sobre as vacantes que houbo en anos anteriores e falaba vostede da ausencia da Literatura Infantil e Xuvenil na RAG. Agora que está por decidirse se entra Fina Casalderrey ou Chus Pato na Academia -que por certo ten outros problemas sobre orzamentos e escándalos agora mesmo-, que  lle parecen estas candidatas? [Lembramos que esta entrevista con Jaureguizar realizouse antes de que o venres a RAG decidise que Casalderrey sería a nova académica de número]

Evidentemente, con todos os respectos a Chus Pato, eu vou apostar sempre pola Literatura infantil e xuvenil. Paréceme que hai poesía abonda representada na RAG, pero segue sen haber literatura infantil. A miña aposta clara é por Fina. Agora ben, a Real Academia Galega ten que facer unha gran operación de recuperación da súa imaxe, despois de todo o que acabamos de ver agora. Penso que o primeiro que ten que facer a RAG é explicar as súas contas, as súas actividades e que nos expliquen en que van gastar os milleiros de euros que lles vamos dar todos os galegos este ano. É dicir, nestes momentos quen entre na Academia ten unha importancia relativa, hai que aclarar outras cousas. A RAG ten a súa imaxe polo chan e ten que abrir as portas, as ventás e explicar as contas, quen traballa alí e por que motivos. Sobre todo porque estanlle a facer un dano tremendo á institución. Cando falas coa xente da rúa sobre a RAG; non che preguntan sobre cando sae o seu novo dicionario. Non, falan do que falan. É primordial que expliquen as contas, en que andan a gastar o diñeiro.

Podería ser un traballo para Tintimán ese?

[Risos] Non, Tintimán só investiga cousas serias e a Academia, neste momento, ten a imaxe polo chan. Primeiro teñen que solucionar este problema. O que non poden dicir é que, como saíu o asunto todo nos periódicos, a culpa é dos periódicos. Mira, que a culpa foi e é de quen a fai. Dirán que malos os periódicos. Non, diso nada. Que malos serán os señores que fixeron cousas que non deberían facer. Xa sei que a RAG non ten que render contas, pero non sei por que. Non sei o motivo. Por que non ten que render contas se anda con diñeiro público? Iso nun país normal non pasaría. Pero Galicia é un país como é. Iso non pasaría nos países nórdicos. Ou en Alemaña. Non sei se por alá hai institucións que reciben cartos públicos e non diga en que os gasta. De feito, aquí tamén temos o Consello da Cultura Galega que si explica no Parlamento en que gasta os cartos.

Capa das dúas entregas publicadas de TintimánVolvamos a Tintimán. Que acollida ten entre os rapaces este personaxe? Como cre que reciben a Tintimán?

Non é que crea, é que sei como reciben estes personaxes. E, a verdade, recíbeno moi ben, está sendo lido por moitos rapaces. A novela de Tintimán en Santiago xa vai pola terceira edición e o da Coruña, pola segunda. A reacción dos rapaces é moi positiva, xa que están descubrindo que poden ler en galego cousas divertidas. Eu intento que sexa un labor bo para a lingua. Non identificar o galego con cousas que non comprende e que non lles intereses. A reacción é moi boa porque os rapaces identifícanse coa personaxe, coas aventuras. Tintimán é un rapaz… A, verdade, sempre tiven unha discusión grande sobre o machismo do personaxe, se é machista… Pero vaia, estes libros dánme moitos temas para tratar cos rapaces, para falar con eles. Temas como o machismo, que é un tema que sae moitas veces. Mais tamén sae o tema da prensa, da historia, das súas cidades…

O machismo dálle problemas?

Si. A ver, deume problemas porque digamos que houbo persoas que me identificaron coa personaxe. Eu o que fago é unha caricatura da personaxe. E esa personaxe é un rapaz de 16 anos evidentemente machista e está feito así a mantenta. Eu entendo que o ridiculizo nas novelas, pero hai xente que o entende en sentido literal. Pero claro, o sentido do humor é algo moi particular e cada quen o entende como o entende. Eu escribín as novelas con esa intención. Vaia. De feito nesta de Vigo si que recargo máis a caricatura do personaxe. Porque houbo xente que cre que eu defendo as súas posturas e non se me ocorre. Eu, cando creo o personaxe, non estou pendente de cuestións sociais ou políticas, eu estou pendente de se resulta cribe, coherente.

“O xornalismo antes era unha profesión máis bohemia”

Unha personaxe que destaca no Tintimán é don Anxo, o director do xornal. É un periodista destes de vello, que vive na redacción todo o tempo, vive nela e vive polo xornalismo. E sempre cun cigarro nunha man e o gin tónic non moi afastado da outra. Este personaxe tamén é unha caricatura, é unha homenaxe a un tipo mítico de xornalismo ou hai referencia a alguén en concreto? Quedan destes tipos nas redacción?

Eu levo pouco máis de vinte anos nas redaccións e xa daquela  non tiñan nada que ver coas de antes. Pero sei que anos atrás había ese tipo de personaxes, eses costumes dos xornalistas. Antes era unha profesión moito máis bohemia, agora todo está máis limpo, máis ordenado nas redaccións. Antes as redaccións eran unha prolongación do bar, que eran os sitios nos que a xente se decataba das cousas. Con internet, cambiouse todo ese xeito de interpretar as cousas. Cambiou os xeitos de buscar a información como tamén o propio xeito dos periodistas de estar nas redaccións. Agora búscanse moitas informacións no twitter, no Facebook, na rede. Aí ti buscas cousas. Cambiaron moitas cousas. O mundo de hai trinta ou corenta anos desapareceu das redaccións. Ese era un mundo que me atraía moito, por iso meto ese personaxe, como representante dun xornalismo que xa non volverá, que é imposible que volva. Pero era o que había antes. Xente bebendo e fumando nas redaccións… Iso xa non o hai. Son cousas que me contan os vellos da redacción. Vaia, os que me contaban porque os que viviron aquilo xa non están tampouco. As persoas vellas das redaccións contábanche ese periodismo. Pero ese xa non o coñecín eu, a verdade.

“A última vez que falei con Alfredo Conde chamoume badulaque, un insulto que me encantou

Unha última pregunta… Falaba antes das redes sociais, da importancia que teñen para o xornalismo. A pregunta é: Segue a Caneiro en Twitter?

Ehhh… Bloqueoume.

Vaia, ho.

Caneiro é un home cun sentido do humor limitado. Non hai moito máis. Eu si que o sigo, pero sigo a moita xente que non ten que ver comigo nin pensa coma min. Gústame saber o que pensan os demais, xente que non ten nada que ver comigo. Pero, por que esta pregunta?

Como tiveron algún roce no pasado, dixen : “Vou preguntar, a ver que pasa”.

A ver, eu sigo a Caneiro porque me evita ler o programa electoral do PP. Xa mo conta el. É o fundamental polo que o sigo. É unha personaxe que tivo interese un tempo e xa non o ten. A min cansoume ler sempre o mesmo. É unha personaxe con pouco percorrido dialéctico, non ten discurso. Non é unha personaxe que me interesa…

Xa non sei se preguntarlle por Alfredo Conde ou deixalo como está…

Pois as nosas liñas de comunicación están cortadas, porque a última vez que o chamei, el reprochoume que me atrevese a chamalo e chamoume badulaque. Gustoume moito ese insulto, tanto que o incorporei a Tintimán. Don Anxo vai chamar moito a Tintimán dese xeito. Conde dedicoume ese insulto a última vez que o chamei e chameino como xornalista. Intentei falar con el, non sei sobre que tema, e non quixo. Pero é un señor que lle vai facendo ás beiras a Mario Conde… Moito máis non hai que dicir del. É dicir, no cemiterio hai cadáveres máis vivos ca el.

Alberto Ramos

Comentarios pechados