Menu Xerais

Lecturas da corentena por David González: «Beixos de lingua», «Culpable» e «Terraza». Noticia no «Galicia Confidencial»

O xornal Galicia Confidencial publica unha serie de reportaxes nos que David González, autor do blogue cultural Palabra de Gatsby, fai unha selección de títulos imprescindibles para ler neste tempo de corentena. Na terceira entrega da serie, o artigo fai mención a tres libros publicados por Xerais: Beixos de lingua, de Paco Barreiro; Culpable, de Eli Ríos e Terraza, de Fran Alonso.

 

Lecturas da corentena: “Beixos de lingua”, de Paco Barreiro; “Culpable”, de Eli Ríos e “Terraza”, de Fran Alonso

 

David González (Vigo, 1995) e autor do blogue cultural Palabra de Gastby. Durante estas semanas dará os seus consellos sobre títulos imprescindibles para ler neste tempo de corentena. As recomendacións da semana son Beixos de lingua, de Paco Barreiro; Culpable, de Eli Ríos; Terraza, de Fran Alonso; Na casa da avoa, de Marta Dacosta; Cervatos, de Lucía Novas e O único lugar onde ficar inmóbil, de Arantxa Nogueira.

Tras adicar as primeiras dúas entregas a recomendacións xerais de títulos penso que é interesante que nos seguintes artigos teñades recomendacións de varios títulos en función do xénero dos mesmos. Comezamos co xénero poético e coa recomendación de  seis poemarios que considero de necesaria lectura neste tempo de incerteza e inestabilidade.

– Paco Barreiro, Beixos de lingua (Xerais, 2017)

A musicalidade da lingua galega é un dos aspectos que fan a nosa lingua tan interesante para a lírica. A nosa poesía é un eido produtivo e que goza de moi boa saúde, polo que é sinxelo atopar grandes títulos. Mais sempre que teño que recomendar un título onde a musicalidade da propia lingua é un elemento central e notorio non podo evitar citar este libro de Paco Barreiro.

Neste libro, o autor experimenta cos límites da lingua con especial incidencia no plano fonolóxico e morfolóxico. Un libro que podería comprenderse como un exemplo de poesía “molecular” xa que modifican as estruturas lingüísticas e unidades da fala para enlazar os seus elementos dunha forma complexa, exaltando e desprestixiando uns ou outros en función das necesidades da musicalidade do poema.

As composicións que integran este libro son un xogo continuo para o lector, que sitúase ante as distintas pezas como espectador dun concerto lingüístico. Textos de distinta extensión que non respostan a esquemas ríxidos e de disposición irregular sobre o branco do papel, outorgan dinamismo a lectura deste libro. Versos que en ningún momento desaparecen senón que a súa presencia é patente nos seguintes, incluso ate o fin do poema.

«Cando apreso fonemas non só teño unha presa, a palabra; tamén aprendo, conformo ideas e recibo o beixo da fala.»

O xogo e a experimentación tamén están na man do lector ó que se lle ofrecen unha gran variedade de posibilidades de lectura grazas a presenza de palíndromos e outros xogos. Un poemario concibido dende a propia musicalidade e que agradece moitísimo a lectura en voz alta e o acompañamento instrumental. Un libro cheo de entretemento, diversión e mostras de enxeño. Ideal para os que escoitaron xa a súa lista de Spotify completa demasiadas veces nesta corentena.

–  Eli Ríos, Culpable (Xerais, 2017)

Coido que nesta época precisamos de libros potentes e directos. Se teño que recomendar un poemario rebelde e que no seu momento impactoume tanto a min coma o resto dos seus lectores, este é sen dúbida Culpable de Eli Ríos publicado por Xerais e que foi a obra merecedora do IV Premio de Poesía Gonzalo López Abente no ano 2017.

Neste libro maniféstase de forma explícita a desconformidade dun eu que non quere ser suxeito de nada nin de ninguén. Unha chamada a liberación do individuo de calquera obstáculo que supoña unha limitación para o seu desenvolvemento e unha crítica consciente a calquera convención do xénero poético. Un discurso combativo e autoconsciente que conquista a quen o le.

Culpable é un poemario voluntariamente incómodo tanto na súa escrita como na propia disposición no papel. Nos versos non se respira unha necesidade de darlle ó lector o traballo feito. Convídase ó lector a buscar a esencia dos textos e a reestruturar a súa visión dos límites do poético. Os elementos mass media combínanse con referentes poéticos que, pese ó ton desenfadado do poemario, están perfectamente elixidos.

Xogando coa polémica dende o propio conflito, cunha perspectiva eminentemente crítica e convidando a unha lectura dinámica que destrúe estruturas poéticas convencionais co paso das páxinas; Culpable convértese, na miña opinión, nun dos libros poéticos máis interesantes publicados en lingua galega nos últimos anos.

– Fran Alonso, Terraza (Xerais, 2017)

Terraza, como o seu título xa suxire, é unha poética do cotián, do costume, do feito social, da actualidade. Un libro de poemas que presenta a ansiedade na que vive unha sociedade cimentada na velocidade e no maquinismo, feitos que tanto fascinaron a Marinetti e ós seus colegas de vangarda. O eu poético analiza a sociedade dende unha posición que semella allea a súa concepción, estático nunha mesa nunha cafetería. Isto permítelle presentar a enorme flutuación de persoas que, cun comportamento inorgánico propio da máquina, están en continua transición sen chegar a unha meta.

O eu poético fai un exercicio de desintoxicación e de rebeldía contra a sociedade facéndose forte e constante dentro dun lugar fugaz, como a cafetería. Nel observa ós cidadáns que piden e consumen cafés e pinchos sen deterse a ler o periódico ou a ter unha conversación coa persoa que teñen diante. Un momento de descanso convértese en algo cotián e fugaz no que somerxerse na rede ou falar con terceiras persoas e ignorar a quen tes diante. O poeta polo tanto é unha illa nun arquipélago que so conserva o título, xa que tende a fragmentariedade. A tarefa de escribir poesía é un exercicio no que o eu poético íspese completamente e nin sequera recibe a atención dun outro.

En resumo, é moi agradable ler versos tan directos froito dun exercicio de observación tan intenso. Terraza é un conxunto de versos “nerviosos” con ruído de coches e cores de semáforos. Fran Alonso preséntanos un poemario cun marcado ton social e de crítica sen caer na demagoxia e cunha enorme capacidade comunicativa. Sen dúbida, unha obra que é necesario ler para reflexionar sobre a vida en sociedade antes desta crise e a que virá máis tarde.

Comentarios pechados