Menu Xerais

Lecturas de represión, violencia e ditadura

Gustavo Hervella publica no último número de Protexta unha longa reportaxe baixo o título de «Lecturas de represión, violencia e ditadura», durante a que se realiza un repaso de dous libros publicados por Xerais recentemente: Loita de clases e represión franquista no mar (1864-1939), de Dionisio Pereira; e Aníbal Otero. Lingüística e política en España na Guerra Civil e no franquismo, de Xesús Alonso Montero. Reproducimos os parágrafos sobre estes dous libros:

Loita de clases e represión franquista no mar (1864-1939) non fai máis que corroborar a paralización, por medo, da poboación. Sinala Pereira como os sublevados e aqueles que os apoiaron foron capaces de destruír –mediante unha cruenta represión– unha sociedade como a galega, moderna e cívica onde os sindicatos de clase foran capaces de imponer melloras á cidadanía por riba dos intereses dos patróns. Xornadas memorables como a folga marineira dos anos trinta, os seguros marítimos ou o pago a xornal, supuxeron cambios substanciais nas economías familiares así como unha transformación no rol que até ese momento tinan os operarios, non só os do mar, tamén os doutras actividades produtivas –como ben sinala o propio autor noutros traballos publicados–.

Aníbal Otero. Lingüística e política en España na Guerra Civil e no franquismo. Aníbal Otero era un mozo, fillo de labregos ben establecidos de Meira, que estaba a desenvolver a súa profesión de lingüista cando acontece o golpe de estado. De ser un prometedor discípulo de Menéndez Pidal e Navarro Tomás, ten que volver, tras pasar anos na cadea, á súa aldea luguesa onde se dedicará a traballar a terra como un labrego máis. A empresa intelectual na que xunto a outros especialistas estaba traballando queda paralizada e só se retomará moi en parte en 1962.

Comentarios pechados