Menu Xerais

Ledicia Costas: «É inconcebible que en Galicia non contemos cun instituto de promoción das letras»

A Real Academia Galega publicou na súa web unha entrevista con Ledicia Costas sobre a concesión do Premio Nacional de Literatura Infantil á súa novela Escarlatina. A cociñeira defunta.

 

 

Ledicia Costas: «O Premio Nacional é un recoñecemento á miña obra, pero tamén á literatura nunha lingua minorizada que se abre paso»

Ledicia Costas é a gañadora do Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil 2015, o quinto para as letras galegas, por ‘Escarlatina, a cociñeira defunta’ (Xerais), “unha obra extraordinaria, humorística e rompedora” no seu contexto que destaca tamén “pola súa fácil lectura, polo seu humor arrepiante e pola habilidade para desmitificar o mundo da morte”, salienta o xurado. Conversamos coa autora pouco despois de coñecer o veredicto, que coincide co éxito de público dunha novela que é ademais receitario. O galardón sábelle ben no persoal, mais tamén polo que significa para unha lingua minorizada na que se fixo escritora grazas á presenza do galego na escola e ás lecturas de infancia e adolescencia.

O novo premio para Escarlatina, a cociñeira defunta, chégalle a Ledicia Costas despois de gañar o XXIX Merlín de Literatura Infantil e Xuvenil, colleitar un notable éxito entre o público e tomar a decisión, semella que atinada, de deixar a avogacía a un lado para dedicarse por completo á literatura. A autora debutou en 1999 coa novela Unha estrela no vento, escrita en plena adolescencia, e no 2012 acadou con O corazón de Xúpiter o Premio Neira Vilas ao mellor libro infantil e xuvenil e o premio da Asociación de Escritores en Lingua Galega ao mellor libro nesta mesma categoría. Costas salienta a importancia da literatura que máis ten cultivado, sobre todo para unha lingua minorizada como o galego, pero foxe de etiquetas e defínese como escritora “no sentido máis amplo”.

A novela trata o tema da morte, mais con humor e combinándoo coa cociña. Que tal mesturan?
En Galicia temos unha tradición importantísima tanto arredor do mundo da morte como arredor da cociña. A miña intención era xuntar ambos os dous elementos e sempre dende o humor, o humor macabro. Ao principio parecíame unha obra arriscada, nunca tes moi claro se vas conseguir conquistar o público ou non. Pero o tema emocionoume e sempre procuro esa premisa: escribir sobre cousas que a min me emocionen para conseguir emocionar os demais. Se o consegues, é fabuloso.

E que é o que máis a emociona cando coñece nos centros de ensino e nas librarías os seus lectores e lectoras?
O realmente emocionante durante todo o pasado curso, no que visitei máis de cen centros de ensino, foi chegar a unha biblioteca e atopar mesas cheas de larpeiradas que a rapazada elaborara a partir das receitas do libro. Con el creouse un dobre entusiasmo: primeiro gastronómico e logo pola obra. Iso é fantástico, crear unha comunidade lectora, e contaxialos para que os rapaces e rapazas sigan no futuro sendo lectores na nosa lingua.

Na nosa tradición e na nosa literatura, como dicía, está ben presente o tema da morte. Pero vostede tamén se confesa seguidora do cine de Tim Burton. A Escarlatina debuxada por Víctor Rivas para o libro lembra, de feito, algo á ‘Noiva cadáver’.
Si, aquí o primeiro referente que temos da morte é Castelao, Un ollo de vidro. E logo nesta obra hai moitos referentes infantís meus. Está, un pouco disfrazado, Miyazaki, que é xunto con Tim Burton o meu director de cine; están as series que eu mamei de pequena, como As bólas do dragón, está Roald Dahl…Está todo aí, o universo infantil que eu atopei e que quixen poñer nesta obras.

Nas páxinas de ‘Escarlatina’ daquela está tamén a Ledicia lectora infantil…

Está todo, absolutamente. Sigo sendo consumidora compulsiva de literatura infantil e xuvenil. Descubrín que quería ser escritora en lingua galega lendo, en 1995, Cartas de inverno, de Agustín Fernández Paz. Con todos os meus referentes infantís e adolescentes formeime non só como autora. As miñas facetas persoal e profesional están tamén aí.

Vostede pertence a unha xeración que xa puido ler na infancia máis en galego, tanto obras propias como traducións. Que importancia tivo iso no seu caso?
Eu fun escolarizada en galego, con toda a normalidade. Fun unha rapaza que falaba castelán e que se pasou ao galego grazas a como se trataba o galego na escola e ás lecturas. Agora son escritora en lingua galega, e creo que todo iso llo debo a esa xeración que sentou as bases.

A literatura infantil e xuvenil tamén ten unha función pedagóxica nas súas mensaxes. En ‘Escarlatina’, aínda que tirando do humor, hai contido social. A historia do protagonista, Román, desenvólvese nun contexto de crise económica. Os seus pais non poden mercarlle un bo agasallo de aniversario por mor da súa inestabilidade laboral.
Creo que como escritora teño a responsabilidade de intentar fomentar a capacidade crítica da rapazada e falar de cousas que nos preocupan na actualidade para que aprenda desde unha perspectiva crítica. Coido que un dos papeis da literatura infantil e xuvenil é ese.

A obra xa viña colleitando éxitos entre o público e a crítica. Vai pola cuarta edición, con 8.500 exemplares vendidos nun año, mereceu antes o Premio Merlín e entrou na listaxe de honra da Ibby (Organización Internacional para o Libro), pero o Premio Nacional é un novo pulo moi importante para a súa carreira como escritora.
Se son sincera, aínda non me deu tempo a asimilalo, pero non imaxinaba nin en soños recibir un Premio Nacional, é algo que pasa unha vez na vida. Estou dobremente contenta. Primeiro, a nivel persoal, pola miña carreira e porque é un recoñecemento a unha obra miña. Pero estou ademais moi contenta porque tamén é un premio para toda a literatura galega, nunha lingua minorizada como a nosa, que consegue abrirse paso. É un xeito de dicir que nós, a literatura galega, tamén estamos aquí.

E faise escoitar a través da literatura para os máis novos, que está dando moitas alegrías ao mundo do libro, que pasa tempos complicados.
Claro, é que estamos pegando forte, e creo que iso é de ter moi en conta. Merecería, por exemplo, unha maior presenza nos medios de comunicación, que se nos teña máis en conta, porque se están conseguindo cousas realmente importantes. E, insisto, estamos a facelo coa lingua propia e minorizada. A pesar da crise do sector editorial, a literatura infantil e xuvenil non só resistiu a crise, senón que incluso aumentou o número de títulos e ten unha comunidade lectora moi importante. Temos que sacar peito e estarmos contentos.

Moitos dos nomes que están a facer realidade este bo momento das letras para os lectores máis novos son de mulleres.
Si, si. Temos nomes como Érica Esmorís, Andrea Maceiras, María Solar, Elena Gallego… E por suposto as consolidadas como Fina Casalderrey. Hai unha fornada moi importante de autoras e está moi ben que as mulleres saquemos a cabeza, xa non falo da literatura infantil e xuvenil en particular, senón da literatura en xeral. E tamén hai autores, como Antonio Manuel Fraga… O panorama é como para dar envexa, as cousas como son.

Falando de literatura en xeral, aínda que boa parte da súa obra está dedicada ao público de menor idade, hai que dicir que tamén escribe para adultos.
Si, hai uns meses publiquei en Xerais Narrativa un libro de relatos sobre a II Guerra Mundial, Un animal chamado néboa, e a semana pasada recibín a nova de que esgotamos a primeira edición. Así que fantástico, non paro de recibir boas novas! Son autora en xeral. Necesitamos etiquetalo todo, pero eu considérome escritora no sentido máis amplo.

Na súa decisión de ser escritora en galego influíu a situación que se atopou na escola. Como ve o panorama actual no ensino?
Paréceme moi triste o que está a pasar. A Xunta non está cumprindo co Estatuto [de Autonomía], non está cumprindo coa lei. Ten que haber unha aposta clara e deliberada pola lingua galega e, por extensión, pola literatura. É inconcebible que en Galicia non contemos cun instituto de promoción das letras, que traballe na exportación, para vender dereitos de libros galegos ao estranxeiro. Hai que ver a literatura como un sector estratéxico. Ben estruturado daría de si, claro que si.

Comentarios pechados